BNG | Redacción Galiza

O BNG solicitou no Parlamento a Portos de Galiza que leve a cabo as obras de reparación e mantemento necesarias no Porto de Corrubedo e tamén para mellorar a urbanización das avenidas do Malecón e das Carolinas no Concello de Ribeira.

A portavoz de Pesca, Montse Prado, denunciou a situación de deterioro do porto de Corrubedo “onde unha parte importante dos 800 habitantes da vila vive do mar e tamén do turismo, e unhas instalacións deterioradas tamén prexudican esta actividade que atrae a moitas das persoas que visitan ese entorno de gran valor paisaxístico”.

“Non hai resposta por parte da Xunta á petición dos mariñeiros cunha zona portuaria con carencias e desperfectos, que ademais provoca feísimo que afecta en primeiro lugar aos propios residentes pero que tampouco en nada contribúe á imaxe dunha vila que está nun entorno de parque natural e que é moi visitada precisamente por iso”, argumentou a deputada.

Farois fora de servizo cos cables colgando, “que levan así moito tempo sen solución”, escaleiras de acceso ao propio peirao oxidadas, rotas e con risco serio de desprendemento, varandas enferruxadas e con niveis de corrosión graves con perigo de accidentes e afea a estética dunha vila que ten no turismo unha parte importante da súa actividade económica e problemas coa rampla e acceso ao porto, foron as principais deficiencias denunciadas polo BNG.

“Hai que facer as obras para corrixir todas estas deficiencias e, ademais, investir recursos no seu mantemento”, reclamou Prado, “a Xunta debe asumir as súas responsabilidades, facer as reparacións necesarias e garantir o mantemento  preciso para a xente que vive no mar e para unha vila que ten no turismo un elemento económico fundamental”, argumentou.

Prado tamén criticou que Portos de Galiza aínda non atendera a reclamación do Concello de Ribeira de 2017 para corrixir as deficiencias graves nas avenidas do Malecón e das Carolinas, que afectan a miles de persoas cada día, “pero non sen ter realizada ningunha actuación, pese a promesa de estar resolto no pasado verán e pese ao acordo municipal”, indicou a deputada, quen reclamou unha actuación inmediata por parte da Xunta.

Deja un comentario