O BNG valora como positivo o informe presentado polos expertos no que se fai unha proposta para modificar o actual sistema de funcionamento do operativo da loita contra o lume, con medidas concretas para a reordenación deste servizo que a formación nacionalista comparte e ten defendido en numerosas ocasións no Parlamento.

Entre esas medidas, cuestións como a homoxenización do servizo, a profesionalización do mesmo con formación adecuada ou a proposta dun mando único tantas veces reclamado polo Bloque, explicou o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, quen felicitou aos expertos polo documento presentado hoxe ante a Cámara.

En todo caso, indicou Rivas, o BNG velará para que os contidos dese informe teñan unha aplicación e unha execución na práctica por parte da Xunta, ao tempo que tamén considera imprescindible que a reordenación do servizo de loita contra o lume vaia acompañado dun cambio de enfoque na política forestal, así como dunha “aposta real e decidida por revitalizar o medio rural, pois co abandono dunha parte tan importante do país o territorio seguirá sendo pasto fácil do lume”, indicou.

No caso da política forestal, Rivas insistiu en demandar unha moratoria na plantación de eucalipto e piñeiro, e dar paso a unha ordenación do monte “en mosaico” apostando por un monte “multifuncional e desde a biodiversidade”, concluíu.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario