A deputada do BNG, Noa Presas preguntou ao goberno pola  estratexia que  vai utilizar para que o Goberno do estado, “nos tome en serio” e   pague Galiza o que lle debe. O goberno galego ten que pasar  “da queixa e o salouco” á actuación política. Noa Presas acusou á Xunta de practicar “electoralismo barato”, a pesar de ter pasado xa o bucle electoral e lamentou que a día de hoxe Feixóo e o goberno do PP, siga sen tomar en serio a débeda do Estado con Galiza.

A deputada lembrou que recentemente a Xunta anunciou que actuaría, o certo, dixo  é que Feixóo leva moito tempo actuando pero como  nunha “traxicomedia das malas das que emiten nas diferentes canles da televisión  o domingo pola  tarde e que resulta imposible seguilas máis de tres minutos sen quedar durmido no sofá”. Deixen de “patalear todos os días” e tomen decisións firmes para defender Galiza espetou a deputada.

A nacionalista tamén  lembrou que o Partido popular, hai catro meses, votou en contra dunha iniciativa do BNG animando ao goberno a acudir aos tribunais pero non se atreveron por si o seu xefe, o Sr. Casado gobernaba e como non foi así, agora “amagan” con acudir á vía xudicial.

Todo este espectáculo,afirmou evidencia a “mala relación económica que ten Galiza co Estado español” porque si tiveramos maior soberanía política e fiscal non estaría pasando isto. Canarias ou Euskadi  non teñen este problema porque xestionan o IVE e os seus impostos.

Ironicamente, a  deputada apelou  aos aires soberanistas que lle entran ao Partido popular pola mañá  para  levar adiante a demanda da débeda con Galiza, o que sucede, dixo,  é que pola tarde eses aires desaparecen e dedicase a imitar a VOX e a ultra dereita e esquecen as reivindicacións da mañá.

Presas anunciou que o BNG apoiará a decisión do goberno galego de acudir aos tribunais e aspirar a ter más capacidade política e que Galiza poda xestionar os seus impostos. O que non imos facer e colocarlle a medalla de defensores de Galiza, despois de dez anos con cero competencias, asumindo o marco do déficit  e unha infrafinanciación do sistema sanitario público e  mentres  seguen abrazando un modelo de financiamento lesivo para o noso país e “caduco” dende o ano 2014. Aclaren si van ir aos tribunais e no caso de que  Galiza precise aumentar a débeda como van asumir eses custes? Vanllos reclamar ao goberno central?

O gaiteiro do moroso

Sobre os apelativos, «jeta e morro», utilizados por Feixóo, Presas recomendou ao presidente da Xunta botar man do  estudo sobre os insultos en Galego onde atopara unha batería de insultos para non ter que mudar de idioma e non caer no ridículo de Cayetana Álvarez de Toledo cando se refire á “Generalidad ou a  Junta”.

Tras a resposta do director de Planificación de Orzamentos, Miguel  Corgos, a deputada do BNG mantivo que si Galiza xestionara os seus impostos, hoxe non teriamos este problema polo que volveu a preguntar si o goberno galego acudirá á vía xudicial para reclamar a débeda. Corgos confirmou que a débeda será reclamada por todos os medios, “unha nova carta, un requirimento ou enviarlle á ministra o gaiteiro do moroso”.