Dende ACE cremos que os representantes públicos están para defender os intereses sociais e colectivos, e é por iso que os servizos públicos deben ser protexidos e coidados, de cara a mellorar a calidade de vida da veciñanza canguesa. É por iso que invitamos a toda persoa que queira aportar ideas e alternativas este venres ás 19:30h na antiga Cámara Agraria.
Ciclo integral da auga
ACE sempre o tivo claro, o contrato do ciclo integral da auga asinado polo PP de Sotelo foi unha estafa para o pobo de Cangas. Así, implantáronse tarifas abusivas á cidadanía que dende esta agrupación política intentamos mellorar e afrontar; tivemos claro que a resolución do contrato é necesaria e decisiva. A pesar de saber a dificultade, decidimos traballar e investir moito tempo e esforzo en avanzar coa resolución do contrato; actualmente o concello ten aberto un expediente de declaración de nulidade do contrato e, ademais, tamén prosegue o expediente de resolución culpable contra a empresa concesionaria.
Xestión do lixo
Dende ACE defendemos dende o primeiro momento a xestión pública do lixo; por un lado pola mellora económica que suporía para o Concello de Cangas, e por outro, para cumprir coas directrices europeas en materia de xestión do lixo; cremos que en mans privadas non se pode optar pola revalorización do lixo, a economía circular e a inversión dos beneficios no propio servizo. Queremos saír cunha proposta reforzada pola aposta da recuperación do servizo, e a Mancomunidade, conformada por Cangas, Moaña e Bueu, deberán decidir se apostan por esta fórmula ou, se en cambio, deciden deixar o servizo en mans privadas como ata agora.
Cremos que a xestión do lixo é moito máis sinxela de recuperar que o ciclo integral da auga, pois, recordemos que o contrato está finalizado e actualmente atópase en prórroga.
Piscina municipal
A piscina municipal A Balea é outro servizo no que tamén remata o contrato, actualmente prorrogado, cremos imprescindible acreditar a viabilidade da prestación do servizo, é por iso adiantamos que o Concello conta con datos que dirixen ao bo camiño; ao que habería que sumarlle unha reformulación do gasto enerxético que aforraría grandes custes.




























