O comité de empresa de GRI Towers Galicia, no Carballiño, rexistrou a convocatoria de folga para os días 9, 11, 16, 23, 25 e 30 de abril. A decisión tomouse após consultar o persoal, que maioritariamente (85 %) aprobou iniciar as mobilizacións.

A factoría da Uceira é un dos motores económicos da comarca
A factoría da Uceira é un dos motores económicos da comarca

As principais razóns que levan o persoal á folga son os incumprimentos «reiterados» de acordos logrados na mesa de negociación; a dificultade para debater sobre materias de obrigada negociación, como a xornada de traballo ou os salarios; e a oposición a que se estea a externalizar produción propia a outras factorías.

Alén dos días de folga, o comité de empresa convoca unha manifestación para o vindeiro 16 de abril (martes), ás 11:30 horas, desde a praza do Emigrante ata a praza Maior do Carballiño.

Modesto Ratón Menoyo, presidente do comité, salienta que a factoría, situada no polígono da Uceira, é «un dos motores económicos e de emprego comarcal», e advirte que o persoal defenderá a carga de traballo e o cumprimento dos acordos laborais.