O colectivo secunda a denuncia da veciñanza de Touro e O Pino sobre a utilización da Televisión de Galicia a favor dos intereses de Cobre San Rafael -filial de Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas-, unha tríada que dende hai anos pretende reabrir o proxecto da mina de Touro, un proxecto que consideran «pode ter consecuencias imprevisibles para as comarcas de Arzúa e Santiago e a ría de Arousa».

Por este motivo, a representación unitaria do persoal da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) apoia a reclamación de dimisión do Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo «por este novo e inaceptable episodio de manipulación informativa, contrario aos principios de obxectividade, imparcialidade, veracidade, e neutralidade informativa nos que se debe inspirar a actividade de comunicación audiovisual da Corporación».

O Comité Intercentros denuncia que tal como fixo constar a Plataforma veciñal Cornado Mina Non na reclamación presentada ante o organismo, o pasado 10 de marzo tivo lugar unha «utilización descarada dos medios públicos» na que a TVG presenta como un «proxecto sostible» o anuncio da empresa Cobre San Rafael dun investimento en restauración de augas, cando en realidade esta actuación parte da obriga que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas impuxo a Explotaciones Gallegas como propietaria dos terreos da mina de Touro en 2018, logo de máis de 30 anos de abandono das súas obrigas legais.
«Ao mesmo tempo, a TVG silencia as voces autorizadas de organizacións como ADEGA ou a Sociedade Galega de Historia Natural e as fundamentadas queixas da veciñanza, na denuncia dun proxecto que xa foi maioritariamente rexeitado tanto pola cidadanía como pola Administración pola súa inviabilidade técnica e ambiental» -recordan dende a organización-.
Para rematar, o Comité Intercentros fai un chamamento aos poderes públicos «a ter a determinación necesaria para poñer fin, dunha vez por todas, á noxenta manipulación informativa na CRTVG», polo que claman polo «inmediato cesamento» de Alfonso Sánchez Inquierdo e a designación por unha maioría cualificada do Parlamento galego dunha nova Direccion Xeral «que garanta os valores do pluralismo, a veracidade e o acceso a fin de contribuír á formación dunha opinión pública informada, como alicerce dunha sociedade verdadeiramente democrática».