Jesús Martínez Pereira, alcalde de Touro en funcións, respostou a unha solicitude de información presentada en agosto que o concello ordenou ao grupo da mineira a súa retirada por non ter “a preceptiva autorización municipal”.


Estes feitos provocaron a indignación de moitas veciñas e veciños de Touro que viron como, logo de cancelar a Xunta o proxecto pola súa inviabilidade técnica e ambiental, estase a intentar reflotalo a calquera prezo por parte de Explotaciones Gallegas e Atalaya Mining, promotoras dunha nova explotación a ceo aberto a través de Cobre San Rafael.
O novo intento da extractiva viu da man da “Asociación Plataforma de Traballadores Mineiros Touro-O Pino”, que está a servir de ferramenta aos impulsores da mina para crear división social na veciñanza. Neste senso, dende a agrupación veciñal Cornado Mina Non sinalan que a suposta plataforma está claramente “vinculada á empresa promotora do fallido proxecto e dirixida por enxeñeiros e outro persoal do sector extractivista” procedente de diferentes partes da península.
Dende o colectivo veciñal advirten que a empresa promotora utiliza esta entidade instrumental co obxectivo de presionar á Xunta e favorecer a reactivación dun proxecto “inviable e insostible segundo os técnicos da administración galega” empregando as súas accións para provocar de forma intencionada “un conflito social e fragmentar á sociedade”.