O vicevoceiro de En Marea e portavoz nacional de Anova denuncia que o proxecto está “fraudulenta e artificialmente fragmentado en 3” porque en realidade “teñen o mesmo promotor, Greenalia Wind Power, mesma área xeográfica e mesmo comparten liñas de evacuación e estación transformadora, unha práctica moi habitual para evitar avaliación dos impactos acumulados”.

Na pregunta parlamentaria presentada dende o grupo parlamentario de En Marea, tamén asinada polo deputado Marcos Cal, Sánchez espuxo que os tres parques eólicos situados entre Coristanco, Carballo e Santa Comba reunirían un total de 27 aeroxeradores cunha altura superior aos 150 metros nunha zona con presencia de núcleos de poboación e explotacións gandeiras, nalgúns casos, coma nos lugares de Campelo e Mires, a tan só 500 metros das vivendas.
O representante recordou que a instalación destes parques eólicos tería afeccións ambientais negativas a espazos de alto valor ecolóxico como a Braña Rubia-Alcaián e o Monte Bustelo, supoñendo unha verdadeira ameaza para a conservación dunha especie única en perigo de extinción como a Centaurea ultreiae, afectando gravemente á paisaxe e ao patrimonio cultural e histórico pero sobre todo “á vida das persoas pola ubicación dos aeroxeradores”.
“O modelo eólico que vostedes aplican en Galicia é un modelo eólico contrario ao interés xeral” -espetoulle o deputado ao conselleiro de Industria Francisco Conde, recordando que nunha zona poboada e con especialización gandeira e forestal “todo son inconvenientes” pola implantación “dunha actividade económica que non axudará a dinamizar a economía local”.
“Vostedes fan as leis a medida dos que posúen xa máis do 85% do capital eólico en Galicia, que factura anualmente uns 600 millóns de euros” -insistiu Antón Sánchez- denunciando a utilización torticeira dos conceptos de “interese especial” e a “declaración de utilidade pública” contemplada la Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como “Lei de Depredación”.
“Esta é unha vez máis a historia recente deste país, onde se expoliou o lignito en Meirama e As Pontes, ocuparonse os ríos para que empresas de fóra viñeran a facerse millonarias e dende hai anos sufrimos o espolio do vento e todo para quedar cos impactos e cunha electricidade igual ou máis cara que noutras zonas onde non se produce todo coa súa complicidade” -afirmou o deputado- constatando que “ante esta realidade érguese unha vez máis a oposición social ante un modelo imposto e alleo ao interese da veciñanza“.