O vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova compareceu en sede parlamentaria este luns para presentar unha Proposición Non de Lei (PNL) de reforma do sector eólico e denunciar que as grandes empresas deste ámbito «teñen na Xunta de Galicia un cómplice que lles facilita o traballo».

Sánchez defendeu que o sector eólico debería ser un recurso para xerar rendas no rural e non «un negocio ás costas da xente» e que as leis aprobadas polo Parlamento galego «deberían defender o interese xeral», o que non acontece no sector eólico, un negocio privado «moi suculento» que factura ao ano unos 600 millóns de euros acaparado por fondos voitres, construtoras e eléctricas e «señores como Florentino Pérez e compañía» -afirmou-.
Para o deputado, o modelo desenvolvido en Galiza polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo realízase «sen respecto polo país e sen respecto pola xente», poñendo de exemplo o que está a acontecer entre os concellos lugueses de Triacastela e Samos no proxecto «Serra do Oribio», no que se está a construir un parque eólico dentro dun espazo comprendido dentro da Rede Natura e «que debería estar preservado», tal e como obriga a Lei 8/2009, do Sector Eólico de Galicia e o Plan Director da Rede Natura, que exclúe expresamente a construción de parques eólicos neste eido.
Antón Sánchez denunciou que a aprobación do Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal, publicada no Diario Oficial de Galicia do 14 de agosto fíxose «para vestir ao santo» e para legalizar unhas obras que se estaban a realizar ilegalmente por parte da empresa Fergo Galicia Vento, e para as que se pediron a paralización cautelar.
O deputado informou da presentación dun recurso administrativo contra o parque eólico Serra do Oribio porque dende a Xunta actuouse «ocultando información do xeito máis opaco posible», dado que aos colectivos ecoloxistas que pediron información fai oito meses «foilles trasladada tan só cinco días antes da súa publicación».
PROPOSTA DE REFORMA DO SECTOR EÓLICO
Polos motivos expostos, o responsable político deu a coñecer a presentación dunha PNL en defensa dun modelo de desenvolvemento «escrupuloso» no apoio ao rural e na defensa da Rede Natura, que aposte pola introdución de «formas de participación» e a «creación de emprego de calidade».
Diante do «modelo de espolio» favorecido polo Partido Popular, o deputado apostou por «un modelo sostible e democratizado» que poña por diante do beneficio privado «as rendas dos habitantes e o crecemento endóxeno» para rematar coa «barra libre para as empresas» e permitir o establecemento de «fórmulas cooperativas» como as que se están a levar a cabo en países como Dinamarca e Alemaña.