O portavoz nacional de Anova pediulle ao alto comisionado que requira toda a información pertinente ao Executivo de Alberto Núñez Feijóo sobre a reapertura da explotación.

Imaxe da reunión mantida este luns na sede do Defensor del Pueblo / Anova

Sánchez, deputado no Parlamento galego, realizou unha avaliación positiva da xuntanza celebrada este luns en Madrid na institución co director de gabinete Francisco Virseda e co responsable da área de medio ambiente Pedro Maura «pola receptividade e a vontade de cooperar para que o Goberno galego informe sobre a situación do expediente administrativo do proxecto«.

Á saída da reunión, Antón Sánchez resaltou a receptividade, “a sintonía e o grao de coñecemento que o gabinete do Defensor del Pueblo posúe do tema da mina de Touro en particular, pero da política en materia de extracción mineira en Galiza en xeral”. Trasladoulles “o bloqueo constante da Xunta no acceso á información sobre o expediente da mina de Touro así como noutros proxectos”, pedíndolle a intermediación para que esta institución se dirixa ao Goberno galego e aporte a información que se lle solicita sobre a reapertura da mina de Touro.

Ademáis, Sánchez explicoulles aos representantes do alto comisionado que o 17 de outubro de 2018, iniciouse o proceso de declaración de impacto ambiental que segundo a lei vixente ten un prazo estabelecido de 4 meses, e dous de prórroga xustificada. Neste sentido, recalcou que “desde o noso punto de vista debería iniciarse o proceso de caducidade do procedemento por ter superado o prazo”. Criticou a “opacidade e o oscurantismo co que se está a levar este procedemento do que a Xunta non nos aporta información”.

O director de gabinete do Defensor del Pueblo recibiu positivamente a petición do deputado no Parlamento galego de que se requira información á Xunta e se poida abordar a cuestión da caducidade, facéndoo de xeito oficial (por escrito) ao Defensor do Pobo. Así, Antón Sánchez anunciou após o encontro que “abriremos esa vía para que dende o Defensor del Pueblo se requira toda a documentación á Xunta”.

DESCONTROL E OPACIDADE POR PARTE DO EXECUTIVO DE FEIJÓO

Na xuntanza, Sánchez tamén realizou unha avaliación moi positiva do informe do Defensor del Pueblo sobre a mina de Touro no que salienta diversas deficiencias da Xunta no proceso como é o que atinxe ao Plan de restauración, á afectación aos recursos hídricos e a tramitación. Sánchez puxo de manifestó o “fío conductor que se produce na maneira de actuar da Xunta en todos os casos de proxectos de reapertura de explotación mineira en Galiza: descontrol, pasividade e deixación. Deixa facer ás empresas por riba do cumprimento dos procedementos estipulados por lei”.

Engadiu na súa interlocución que “fixemos moitas iniciativas no parlamento galego pero non nos aportan a información solicitada. Hai opacidade e obstaculización no que consideramos un procedemento caducado» -denunciou o deputado-.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario