O vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova considera que a reacción social «é a resposta» social e política ante a agresión que supón o proxecto para o patrimonio natural e cultural de Galiza.

Antón Sánchez no acto de presentación da plataforma / Salvemos O Iribio

Sánchez participou este martes en Lugo na presentación da plataforma «Salvemos O Iribio», nacida co obxectivo de defender un dos macizos senlleiros do Courel ante as obras do parque eólico «Serra do Oribio» e as súas instalacións de evacuación eléctrica asociadas.

O obxectivo deste colectivo social é o de «facer valer a legalidade vixente» que prohíbe de xeito taxativo a instalación de novos parques eólicos en zonas de Rede Natura 2000, algo que para o deputado «é a resposta da sociedade civil e política» fronte a unha nova agresión ao patrimonio natural e cultural de Galiza. Durante a súa intervención no acto de presentación, o vicevoceiro de En Marea apuntou a que esta zona da montaña luguesa «está a ser agredida polos negocios dunha empresa amparada pola deixadez da Xunta», cunha tramitación «opaca e conivente» cos intereses da empresa Fergo Galicia Vento.

«Fronte a iso a unidade da sociedade máis consciente e das organizacións políticas que defendemos o país é fundamental para parar dunha vez por todas esta agresión que simboliza o modelo do expolio eólico por parte do goberno galego e das multinacionais eléctricas» -sinalou o parlamentario-.

Asemade, Salvemos o Oribio anunciou futuras mobilizacións se a Xunta non decreta «de forma urxente e inmediata» a paralización das obras do parque eólico e das súas infraestruturas asociadas, como son os camiños de acceso ao parque ou a liña de alta tensión vinculada ao proxecto.