O vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova pide nunha iniciativa parlamentaria a paralización dos parques eólicos Serra das Penas e Paradela e a restauración da zona afectada polas obras.

Sánchez considera que é fundamental «mudar radicalmente» o modelo de desenvolvemento eólico en Galiza, porque o que está a pasar cos novos proxectos eólicos de Enel Green Energy España / Endesa na localidade lucense de Paradela «é un abuso máis sobre o rural galego dunha coalición de intereses entre unha multinacional e a Xunta de Galicia» presidida por Feijóo.
Por este motivo, o responsable político ven de presentar unha Proposición Non de Lei a paralización da construción dos dous parques, instando a que se tomen as medidas necesarias para restaurar a zona afectada.
Para o deputado, os parques eólicos Paradela e Serra das Penas terán unha grande afección sobre o Camiño de Santiago polo seu impacto paisaxístico, e sobre a vida das persoas pola proximidade dos aeroxeradores, de más de 140 metros, ás vivendas, considerando que poden causar «graves trastornos» á veciñanza a causa dos ruídos e do efecto sombra.
Sinala tamén a proposta que a instalación de eólicos na comarca de Paradela podería poñer en risco a supervivencia de dúas especies en situación vulnerable, como son a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a Gatafornela (Circus cyaneus).
Doutra banda, Antón Sánchez denuncia na súa iniciativa a «hipocrisía» dunha Xunta de Galicia «que solicita que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade mentres autoriza proxectos que danan claramente a súa candidatura», afirmando que nestes parques eólicos, coma en tantos outros a nivel galego, a declaración de utilidade pública estase a empregar como unha «burla» a cidadanía e a prol dos intereses dunha empresa italiana que se «fará de outo» a conta «do noso territorio e o noso vento» deixando para a zona «os impactos e as migallas económicas».
Por todos estes motivos expostos na súa PNL, o deputado insiste na necesidade de mudar o modelo de desenvolvemento eólico «cara uns criterios máis sostibles, respectuosos co territorio e máis democráticos, onde a xente do rural sexa o obxectivo prioritario e non as multinacionais».