Fai xa sete anos e días despois do falecemento do seu amigo, o escritor e humanista José Luís Sampedro, o veterano profesor sentou cátedra na Cámara galega sobre a indecencia política do líder do PPdeG polo seu contacto persoal co narcotraficante Marcial Dorado, condeado a 19 anos de prisión polos delitos de tráfico de estupefacientes, suborno e branqueo de capitais. 

«Vostede é a indecencia feita persoa» -espetoulle Beiras a Feijóo na súa intervención na Cámara Galega / AGE

Xosé Manuel Beiras, naquel entón referente no Parlamento do Grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), chorou de carraxe e indignación na súa comparecencia no estrado aquel 10 de abril do 2013. «Debo confesar, señorías que, cando viña hai cousa dunha hora para esta Cámara, sentía noxo de ter que tratar un tema como este, que é un tema de moralidade e de conciencia, nunha cámara de representantes, e máis aínda na circunstancia do pasamento do meu vello sempre mestre e amigo José Luís Sampedro, que é deses seres humanos que lle fan a un sentirse orgulloso de pertencer ao mesmo xénero, exactamente na antítese do que me acontece con vostede, señor Núñez. Agora xa non sinto ese noxo, sinto unha indignación difícilmente refreable» -falaba Beiras ao inicio da súa intervención-.

O deputado calificou a actitude de Alberto Núñez Feijóo dese día no Parlamento galego coma un recital de «desvergoña absoluta», de «soberbia,  e de «desprezo» aos valores da xente, dun presidente da Xunta que «optou por relacionarse e inserirse acríticamente nun medio, entorno social, cultural e ideolóxicamente reaccionario, fascistoide, antidemocrático, antitético da cidadanía, do común deste país, políticamente en Alianza Popular e logo PP, que tiña todas as relacions coas redes do contrabando e do narcotráfico». Porque para Beiras foi Feijóo quen elixiu «as súas compañías».

UNHA «XERACIÓN PERDIDA» POLA DEVASTACIÓN DO NARCOTRÁFICO 

O profesor recordoulle entón ao presidente da Xunta que o comezo da súa relación de amizade íntima con Marcial Dora sucedeu a principio dos anos 90, cando Feijóo era un alto cargo de Consellería de Sanidade. «Teño amigos, e mesmo parentes, desas xeracións vítimas da sida da época na que vostede tiña responsabilidades como segundo de abordo de Romay Beccaria. Non se enteraba tampouco do que pasaba? de que non había absolutamente ningunha protencción preventiva nin contra a drogodependencia nin contra o narcotráfico? Só as mulleres de Arousa que se ergueron contra os narcotraficantes, arrostrando a presión e a violencia» -espetáballe ao líder do PPdeG-, facendo referencia á traxedia dunha «xeración perdida» diezmada polas sobredoses.

Alberto Núñez Feijóo compartiu amizade e viaxes co narcotraficante Marcial Dorado nos peores anos da devastación provocada pola droga a nivel galego / EL PAÍS

«Nesa Europa democrática da que vostedes falan dimiten ministros e ministras por cousiñas como unha multa de tráfico falsificada, e vostede vén aínda aquí insultar a oposición e os cidadáns que nós representamos, e a xente que está aí arriba representando os que padeceron aquela peste en primeira liña de foto. Faime vostede chorar de noxo, de carraxe e de indignación» -denunciaba-.

Para Beiras a relación de Feijóo con Marcial Dorado radica «non na intimidade dunha relación persoal entre dous individuos calquera senón na relación bipolar entre ética e política» na que o presidente da Xunta «violou e está a violar os principios e valores elementais dunha ética social honestamente democrática».

«Vostede é a indecencia feita persoa. Vostede despreza a moral, despreza a ética, despois de todo por unha cobiza, unha ambición, dun poder que, a parte de efémero está oco, baleiro de contido; non lle vale máis que nada para o seu propio narcisismo vaidoso. E, mentres tanto, os cidadáns padecen a peste que vostede significa» -apuntalaba Beiras na súa intervención en referencia a Feijóo-.

Intervención de Xosé Manuel Beiras no Pleno do Parlamento de Galicia o 10 de abril de 2013 / YOUTUBE

DEJA UNA RESPUESTA