A responsable do BNG en Europa, Ana Miranda, visitou os concellos de Noia e Lousame o pasado venres 28 para interesarse pola situación das Minas de San Finx. O acto central da súa visita foi unha palestra conducida polo portavoz dos nacionalistas en Noia, Ricardo Suárez, na que tamén participaron o secretario técnico de ADEGA Fins Eirexas, o presidente da Federación Ecoloxista Galega Joam Evans, e o secretario de Plademar Muros – Noia Jose Romarís. Por outro lado, boa parte das persoas asistentes tiveron que estar de pé ao non ter as instalacións cadeiras suficientes para un acto que no comezo se planeaba realizar no Coliseo Noela.

Os poñentes mostraron de xeito unánime o seu rexeitamento á autorización de vertidos que Augas de Galicia vén de dar a empresa concesionaria da mina e a necesidade de acometer a restauración do territorio da mesma. Entre outras moitas cuestións, explicaron o percorrido internacional e xudicial que a problemática de San Finx está a ter nos últimos anos.

A representante nacionalista aproveitou a súa estancia na vila noiesa para desprazarse tamén a Lousame, onde puido comprobar de primeira man o estado de abandono da maior das presas da mina que serve de contención aos metais pesados resultantes da explotación ao longo de décadas e sinalou coma vergoñento que “nin empresa nin administración tomen en serio un risco que pon en xogo o sustento de milleiros de familias”.

Antes deste desprazamento Miranda tivo un encontro con representantes do sector do mar que lle amosaron a súa preocupación pola situación en San Finx e por outras moitas cuestión coma o feito de que non estea a funcionar a produción de semente de bivalvo en ‘hatchery’, as perdas económicas que supón que a avaliación das augas do INTECMAR non funcione na fin de semana, a diminución de especies como as ameixas fina e babosa ou as deficiencias de saneamento nos municipios polos que pasa o Río Tambre.