Sen embargo, e a pesar destas cifras, UGT-Galicia amosa a súa preocupación porque as estatísticas feitas públicas hoxe deixan ao descuberto as deficiencias estruturais do modelo produtivo e a fraxilidade do mercado laboral galego.
A precarización do emprego é evidente baixo o predominio da contratación temporal que configura unha tendencia estrutural do mercado de traballo. Fanse 118.568 contratos no mes pero tan só medra a afiliación á Seguridade Social en 15.046 e, por outra banda, a porcentaxe de contratación indefinida sobre o total é de tan só o 6,8%. No mes medra a contratación un 14,4%. A temporal faino nun 16% pero cae a indefinida nun 2,8%.
Para UGT-Galicia urxe derrogar as reformas laborais impostas dende 2010, en especial a de 2012, que non só fracasaron no obxectivo de mellorar a calidade do emprego senón que, ademais, van precarizando mes a mes o mercado de traballo e deteriorando os ingresos da Seguridade Social.
Fóra da protección por desemprego case 90.000 persoas en Galicia
Tamén resulta imprescindible reforzar as prestacións por desemprego. A taxa de cobertura é do 51,7%, fronte ao 57,5% do resto do Estado. Quedan fóra da protección 89.940 persoas, tendo en conta tanto aos que teñen dereito a cobertura como aos que non. E, ademais, tan só hai 34.577 persoas beneficiarias de prestacións de carácter contributivo, o 43,2% do total, o que apunta á precariedade na cobertura por desemprego. Para UGT-Galicia, hai que aumentar o grao de protección, emprendendo a derrogación dos cambios normativos implantados polo Goberno do PP no sistema de prestacións por desemprego, contributivas e asistenciais, en canto ás condicións e criterios de acceso, tempo de duración e contías, entre outros aspectos.
Neste contexto tamén hai que potenciar as políticas activas de emprego dende o público, xa que estas non poden orientarse en exclusiva a subvencionar ao sector privado. En canto á dotación orzamentaria para as políticas activas de emprego da Xunta, esta diminuíu en 133 millóns de euros dende o ano 2008, en máis da terceira parte, nun 35%.
Así, para a función “Promoción do emprego e institucións do mercado de traballo” no 2008 orzamentábanse 379 millóns de euros nesta Comunidade. Baixando unha década despois a 246 millóns. Mentres que o Orzamento total da Xunta cae nunha década nun 7,2%, as partidas adicadas á Promoción do emprego e fan nun 35%.
UGT tamén reclama que se dote ao Plan director polo emprego digno dos recursos económicos e humanos suficientes para combater a fraude na contratación e vixiar a causalidade da contratación temporal e a tempo parcial que, ademais, aumenta de xeito espectacular con carácter estacional.
Para UGT, é necesario poñer en marcha un plan de choque para o emprego no marco do diálogo social, co fin de mellorar a calidade do emprego, a empregabilidade e lograr a inserción permanente das persoas en desemprego, especialmente, aquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.
O 58,3% do desemprego en Galicia ten rostro de muller
Continuando coa análise dos datos, obsérvase que continúa a peor evolución do desemprego nas mulleres. Cae o paro nun 3% entre as mulleres galegas, fronte ao descenso do 5,2% entre os homes. A fenda no desemprego persiste, o 58,3% do paro ten rostro de muller en Galicia.
Entre os menores de 25 anos o paro baixou un 5,3% no mes e un 13,8% no ano. E, por sectores, paro baixou no primario nun 9,62%; na construción, nun 4,82%; un 4,75% na industria; e no sector servizos nun 3,69%.