A veciñanza fai gala do seu bo humor nas comparsas da vila luguesa con consignas como “Rebaixas. Oferta en Educación. Puntais no noso cole por decoración” mentres a plataforma en defensa do colexio prepara novas movilizacións en defensa dunha educación pública e de calidade digna rexeitando frontalmente a imposición de novos parcheamentos na antiga edificación, que xa supera os 50 anos dende a súa construción.
Ao longo das próximas semanas, o que hoxe é comparsa de antroido en Sarria transformarase e mobilización social a prol da edificación dun novo colexio público para a localidade e o establecemento dunhas condicións mínimamente axeitadas para os cativos e cativas que, a día de hoxe, receben clase nos locais da antiga Escola Fogar.
Porque para as familias a solución pasa pola construción dun novo centro educativo que solvente as abondosas deficiencias, como fendas nas paredes e outros perigos, que azoutan un edificio que con 50 anos xa cumpriu de sobra coa súa función e agora necesita un recambio que posibilite, en palabras das nais e pais do colectivo, “unha infraestrutura que cumpla cos requisitos dun colexio do século XXI” que garanta “unha educación de calidade” para que “as próximas xeracións de nenas e nenos de Sarria” teñan un centro que posibilite a súa formación “para contribuir a un futuro mellor”.
Por este motivo, ademáis de esixir un compromiso “firme e por escrito” por parte das autoridades da Xunta para solventar as numerosas deficientes, manterán en próximas datas unha serie de reunións cos responsables dos grupos políticos con representacións parlamentaria, levarán as rúas a réplica dunha das aulas do actual recinto no que os cativos fan escola para dar a coñecer as súas deficiencias e manifestaranse, con máis dereito se cabe, en defensa do ensino público, hai que esperar que sacándolle as cores aos actuais responsables do Goberno galego no seu particular antroido polo abandono e desafección no que tiveron ao centro educativo durante máis anos dos desexables.