O voceiro parlamentario do Grupo Común da Esquerda Antón Sánchez levará a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia a esixencia de aclaración sobre si a anterior responsable da Consellería de Medio Ambiente no período 2015-2018 ten incurrido ou non na vulneración da Lei 1/2016 de transparencia e bo goberno logo da súa incorporación á compañía como directora de Desenvolvemento Corporativo.
Nunha pregunta asinada tamén polas deputadas Ánxeles Cuña, Carmen Santos, Luca Chao e Marcos Cal recordase que este asunto xa foi destacado por moitos xornais galegos coma “un novo caso de porta xiratoria” tendo en conta as actuacións realizadas na etapa de Beatriz Mato coa citada empresa cando exercía o cargo de conselleira de Medio Ambiente, pois nese período a Xunta autorizou cinco parques eólicos a distintas filiais de Greenalia, concedéndolle asemade 795.000 euros en subvencións e 1.000.000 de euros en préstamos a diferentes sociedades do grupo.
PROXECTO DE BIOMASA EN TEIXEIRO-CURTIS
Ademáis -indica o documento-, deuse a autorización de construción dunha planta de biomasa de 50MW na área de Teixeiro-Curtis, pasando “dunha situación de ilegalidade á autorización nun breve período de tempo”. Este proceso iniciouse en xaneiro de 2016 cando a empresa enerxética Renova Generación S.L. -antiga denominación de Greenalia- foi adxudicataria de 50 MW en biomasa na poxa anual de renovables. En outubro dese mesmo ano, a compañía presentou ante o goberno galego un proxecto para construir en Curtis unha planta de xeración eléctrica a partir de biomasa de 50 MW aínda cando o límite de potencia deste tipo de plantas é de 10 MW, segundo establece o Decreto 148/2008. Sen embargo, e aínda que o proxecto superaba o máximo establecido, dende a consellería dirixida naquel momento por Beatriz Mato, permitíuse o inicio da súa tramitación e tan só dous meses despois, o Partido Popular derrogou esta norma a través da “Lei de acompañamento” dos orzamentos de 2017, liberalizando de facto a potencia das plantas de biomasa.
Nese mesmo ano, Greenalia presentou un proxecto semellante coas mesmas características (50 MW) e ubicación (Curtis-Teixeiro) e finalmente, en agosto de 2017 a Xunta de Galicia autorizou a planta, “pasando da ilegalidade á autorización en tan só oito meses” -denuncian dende o Grupo Común da Esquerda-.
PROXECTOS EÓLICOS
No plano eólico, dende a formación recordase que entre os proxectos que Greenalia Wind Power S.L.U. ten en diferentes fases de tramitación está o parque eólico “O Cerqueiral”, entre os concellos coruñeses de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, xunto cos parques veciños de “Campelo”, “Bustelo” e “Monte Toural”, que en realidade son o despece dunha única instalación que a Xunta está a tramitar de maneira separada, afectando á unha área de alto valor ecolóxico con presenza de especies endémicas únicas a nivel mundial e alertan de que puido existir a posible utilización de información privilexiada ao engadir a enerxética na memoria dous planos de xestión de varias especies ameazadas que nin tan sequera foron aprobados pola Goberno galego nin publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG).
NORMATIVA DE INCOMPATIBILIDADES
Finalmente, dende o Grupo Común da Esquerda recórdase que a lexislación é clara no referente ás incompatibilidades, e que a Lei 1/2016, de transparencia e bo goberno, inclúe no seu artigo 45.4 a obriga de ex-altos cargos como Beatriz Mato a obligatoriedade de presentar unha declaración de actividades diante da Oficina de Incompatibilidades e Boas Prácticas, da que a día de hoxe non se coñece presentación algunha. Por este motivo, reclaman con urxencia que a Xunta aclare si se produciu ou non este feito.
UNHA LEXISLACIÓN FEITA A MEDIDA
Para o deputado e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez, o Goberno de Feijóo está a facer unha lexislación a medida das grandes eléctricas, fondos voitre, bancos ou construtoras que están detrás dos proxectos eólicos e enerxéticos, allanándolles o camiño e pisoteando os dereitos da xente do rural co único obxectivo de facer negocio.