Os deputados Antón Sánchez e Marcos Cal asinan a Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo Grupo Parlamentario de En Marea que insta ao Ejecutivo de Alberto Núñez Feijóo a “tomar de xeito inmediato as medidas necesarias para garantir a seguridade e a saúde das persoas”, así como “cesar a afección medioambiental producida polas instalacións mineiras abandonadas” no cumio deste monte situado entre os concellos de Carballo e Malpica de Bergantiños.

Na PNL, á que puido acceder contrainformacion.es, os deputados recordan que cinco anos despois do grave accidente sucedido nunha das balsas do monte, que provocou en febreiro de 2014 unha vertedura de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica de Bergantiños), as instalacións mineiras seguen a ser un problema para a seguridade e a saúde das persoas e o medio ambiente“.
Os parlamentarios recordan que o Monte Neme voltou ao primeiro plano de actualidade galega, estatal e internacional polos casos de persoas afectadas por terse bañado nas augas dalgunhas das súas balsas, polo que sufriron síntomas “como irritacións cutáneas, afeccións oculares, diarreas ou vómitos”, o que levou incluso a actuar ao persoal do Hospital Clínico Universitario da Coruña (CHUAC), para alertar deste tipo de comportamentos de risco.
Doutra banda, Leitosa S.A.U., a última empresa que explotou a mina, quebrou e abandonou a actividade extractiva sen executar ningunha clase de plan de restauración “deixando na zona diversos perigos para as persoas e o medio ambiente”. No mesmo senso, a pesares de que no ano 2014 estivo en exposición pública por parte da Xunta un documento de plan de restauración ambiental aprobado finalmente polo Goberno galego en decembro dese mesmo ano “nada se fixo”.
Así, relata o texto da PNL, “este plan de restauración contemplaba a eliminación das estructuras de formigón existentes na zona da antiga canteira, o saneado dos taludes co correspondente recheo dos ocos, a plantación de árbores, a plicación de sistemas de drenaxe en superficie e a realización de movementos de terra nas antigas balsas para consolidar o terreo e eliminar a auga acumulada con tubos de drenaxe. Ademáis, contempla un peche cinexético que impida o acceso aos animais á zona“.
Aínda que con este plan “pretendíase garantir a seguridade e a rehabilitación dos terreos e conlevaba a constitución dun aval por parte da empresa Leitosa S.A.U.” -expón o documento- “a inacción por parte da empresa e da Xunta de Galicia fai que asituación siga a ser a mesma que en 2014 polo que é obriga do Goberno galego actuar para garantir a seguridade das persoas e medioambiental“.
Por estes motivos, a proposta insta ao Goberno galego a “tomar de xeito inmediato as medidas necesarias para garantir a seguridade e a saúde das persoas, así como para cesar a afección medioambiental producida polas instalacións mineiras abandonadas no Monte Neme, segundo as medidas contidas no Plan de Restauración Ambiental aprobado en decembro do 2014″, así como “informar aos grupos parlamentarios dos procedementos administrativos efectuados” en referencia o caso dende esa mesma data”.
Para o vicevoceiro do Grupo Parlamentario de En Marea e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez, a lamentable situación do Monte Neme “é a demostración” de que “o modelo imposto polas políticas mineiras da Xunta de Galicia” das que son responsables tanto o director xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces como Alberto Núñez Feijóo á fronte do Executivo “sempre apostan pola privatización dos beneficios e a externalización das perdas e dos custes ambientais”.