O pasado mes de decembro a Consellería de Política Social enviou ás escolas infantís fotos dos nenos e nenas, tomadas previamente por fotógrafos profesionais que acudiron aos centros, acompañadas dunha carta do presidente da Xunta a modo de felicitación de Nadal para as familias. As fotos e a carta chegaron con instrucións para as traballadoras das escolas de ensobralas e entregárllelas aos pais e nais. Ante o gravoso desta situación, o Grupo Común da Esquerda rexistrará mañá unha iniciativa para que non se repita ese uso partidista e propagandístico das escolas e esixir a Feijóo que pida desculpas.

Paula Quinteiro, quen rexistrará a iniciativa, considerou «inadmisible» que Feijóo «utilizase as traballadoras das escolas infantís de 0-3 anos para facer propaganda do Partido Popular e da Xunta de Galicia» e lembrou que moitas traballadoras «amosaron o seu malestar» por teren que enviar esta carta de felicitación de Nadal asinada polo presidente.


A deputada do Grupo Común da Esquerda esixiu tamén «que se pida perdón por empregar dese xeito os recursos públicos» e lembrou que non é a primeira vez que a Xunta reproduce este tipo de dinámicas: «empregan con frecuencia o seu papel no Goberno para facer campaña e propaganda partidista, algo que non se pode permitir baixo ningunha circunstancia, e menos cando falamos de nenos e nenas tan pequenos».