O Grupo Común da Esquerda denuncia que a falta de previsión da Consellería de Sanidade estea a levar os galegos e galegas, un ano máis, a sufrir saturacións nos servizos de Urxencias. «A previsión que se tiña que ter feito en relación ás necesidades de persoal para cubrir o incremento das enfermidades respiratorias que acontece todos os anos en inverno non se levou a cabo. A realidade é que os reforzos que se están a dar nos servizos de Urxencias son absolutamente puntuais e insuficientes para cubrir o incremento de asistencias que se está a dar», denunciou Eva Solla, quen rexistrou varias iniciativas ao respecto esta mañá no Parlamento.

Malia existir unha previsión de incremento de afluencia nos servizos de Urxencias e de incremento das hospitalizacións, mantivéronse tamén camas pechadas ata o último momento. A raíz disto, producíronse situacións coma a da pasada fin de semana no Hospital de Santiago de Compostela, onde 38 doentes agardaban por unha cama de hospitalización. «Estamos a ver durante estes días en cidades como Vigo, Pontevedra, Ferrol ou A Coruña como a Xunta alonga ata o último minuto a apertura das camas que ten pechadas. Ademais, os reforzos dos servizos de Urxencias son limitados no tempo e non resolven a necesidade permanente de máis persoal nos servizos de Urxencias e hospitalización e nos Puntos de Atención Continuada», expuxo a deputada.


O Grupo Común da Esquerda considera que os recortes en Atención Primaria -onde, nalgúns centros, hai esperas de ata unha semana- e nas distintas especialidades do sistema sanitario fan que incremente o número de asistencias aos servizos de Urxencias, que tampouco están a ser reforzados. Por este motivo, nas iniciativas rexistradas solicítanselle á Xunta explicacións e información a respecto do número de persoas que se empregaron para reforzar estes servizos, da duración que teñen eses contratos e do motivo polo que non se están a abrir a totalidade das camas. «Solicitamos tamén que se cubran esas necesidades de incremento de persoal, tanto nos PAC como nos servizos de Urxencias, e desde logo nos servizos de hospitalización. Entendemos, ademais, que esta solución é previsible cada ano e polo tanto era evitable que volvesen saturarse deste xeito os servizos de Urxencias», apuntou finalmente Eva Solla.