A parlamentaria Luca Chao sinala que “a proliferación descontrolada deste tipo de aloxamentos pon en risco o dereito á vivenda, pois está expulsando á poboación do centro das cidades”

A parlamentaria Luca Chao durante a súa intervención / Grupo Común da Esquerda

O Grupo Común da Esquerda defendeu este xoves unha iniciativa, rexeitada pola maioría absoluta do PP, na que esixiu á Xunta de Galicia actuacións ante os efectos negativos dos pisos turísticos nos prezos da vivenda, especialmente no aluguer. A parlamentaria Luca Chao sinalou que “a proliferación descontrolada deste tipo de aloxamentos pon en risco o dereito á vivenda, pois está expulsando á poboación do centro das cidades en beneficio dun negocio turístico precario”. Así, afeou a actitude do Executivo autonómico porque “o PP nega que exista o problema, pero a realidade imponse. A Xunta non é quen de xestionar o panorama inmobiliario galego”.

Luca Chao criticou que “semella que rectifican, pero facéndoo sen recoñecelo. Dixeron que o problema da vivenda non ten que ver coa turistificación, pero o conselleiro de Turismo o 20 de agosto recomendou promover unha ordenanza para poñer coto aos pisos turísticos. Por que se deixan pasar case dous anos para atender unha realidade que xa denunciamos en numerosas ocasións?”, preguntouse.

Durante a súa intervención, Chao resaltou que os pisos turísticos aumentaron un 17% nos primeiros seis meses de 2019 e un 90% con respecto aos datos de febreiro do ano pasado, sumando un total de 8.763. Do mesmo xeito, segundo a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), o incremento de pisos turísticos é unha das principais razóns que explican o aumento dos prezos dos alugueres. “Atopámonos no mínimo histórico de oferta de vivendas alugables, menos de catro mil. Un turista ten o dobre de posibilidades para alugar que un usuario para residir”, denunciou.

“Os datos que manexa o Observatorio da Vivenda da Xunta –elaborados a partir de case 30.000 contratos de vivenda– son claros ao respecto. Dende o ano 2016 o importe mensual medio dos contratos creceu un 31% na Coruña, un 27% en Vigo, un 15,3% en Santiago e un 21,5% en Pontevedra. O aumento do prezo dos alugueres camiña paralelo ao aumento do número de pisos turísticos”, destacou a deputada, que tamén advertiu que “sube tamén o prezo dos inmobles que están á venta e, segundo os últimos datos publicados, asemella que unha nova burbulla volve asomar no horizonte”.

Por estas razóns, o Grupo Común da Esquerda, inclúe na súa proposta a necesidade de elaborar un un informe detallado que inclúa o número de vivendas turísticas legalizadas á luz do decreto que regula esta actividade; a aprobación dunha moratoria sobre a apertura de novos pisos turísticos naquelas zonas que, durante o último ano, experimentaran grandes subidas do aluguer; e a modificación do decreto para publicar o número de rexistro das vivendas ofertadas, diferenciar entre os tipos de propietarios e que as vivendas situadas en zonas especialmente sensibles precisen dunha autorización previa dos concellos nos que se radican.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario