O próximo 10 de setembro o vicevoceiro da formación Antón Sánchez e o deputado Marcos Cal levarán á Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos as autorizacións ao proxecto de Fergo Galicia Vento en Rede Natura e en breve prazo tratarán nunha PNL asinada tamén pola deputada Julia Torregrosa sobre as afeccións negativas dos parques eólicos Paradela e Serra das Penas, desenvolvidos por Enel Green Power España / Endesa en plena Ribeira Sacra.
A pregunta parlamentaria presentada para o seu debate en comisión o próximo martes, á que puido acceder contrainformacion.es, recorda que segundo o Plan Director da Rede Natura e a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, non é posible a instalación de aeroxeradores neste tipo de áreas protexidas por Europa, o que contrasta coas actuacións da Dirección Xeral de Enerxía e Minas coa aprobación definitiva do proxecto de incidencia supramunicipal do parque eólico Serra do Oribio e a declaración de utilidade pública da súa liña de evaluación eléctrica (LAT 132 Kv) entre os termos municipais lucenses de Samos e Triacastela.
No seu escrito os deputados pregúntanse dende qué punto de vista legal é posible a instalación de aeroxeradores e tendidos eléctricos en plena Rede Natura 2000 e si a Xunta de Galicia non considera necesario a paralización cautelar das obras iniciadas, respaldando a inquedanza social da veciñanza afectada e os grupos ecoloxistas.
En datas recentes, o tamén portavoz nacional de Anova Antón Sánchez, xa denunciara en rolda de prensa que a actuación do Goberno de Alberto Núñez Feijóo neste proxecto supón o “enésimo exemplo” da complicidade da Xunta coas grandes empresas do sector eólico, preparándolles o camiño para seguir facendo negocio “sen importar pasar por riba do patrimonio natural, cultural, da paisaxe e dos dereitos das persoas”.
PARQUES EÓLICOS DE PARADELA
En breve prazo trataranse tamén na Cámara galega as incidencias negativas provocadas pola instalación dos parques eólicos Paradela e Serra das Penas, nunha Proposición Non de Lei que insta á súa paralización, instando a que se tomen medidas para restaurar esta zona afectada da provincia de Lugo.
A proposta alerta neste caso que a instalación dos 27 aeroxeradores que Enel Green Power España / Endesa está a levar a cabo “terán unha grande afección sobre a vida das persoas” pola proximidade dos aeroxeradores (de máis de 140 metros de altura) ás vivendas “a causa dos ruídos e do efecto sombra”. Ademáis á instalación de eólicos na Comarca de Paradela podería supoñer un risco para a protección da biodiversidade pola presenza de dúas especies en situación vulnerable, como son a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a Gatafornela (Circus cyaneus).
A nivel social, están tamén as afeccións negativas sobre o Camiño de Santiago e á Ribeira Sacra, presuntamente defendida pola “hipocrisía” dunha Xunta de Galicia que solicita que esta sexa declarada Patrimonio da Humanidade “mentres autoriza proxectos que danan claramente a súa candidatura”.