A deputada Paula Quinteiro defendeu que o Executivo ten que deixar de poñerse de perfil nestes conflitos laborais nunha iniciativa sobre a situación que vive o persoal de R Cable.

A deputada Paula Quinteiro / Grupo Común da Esquerda

O Grupo Común da Esquerda reclamou esta semana que a Xunta de Galicia tome medidas concretas contra a precariedade e a deslocalización do emprego no sector do telemarketing. A deputada Paula Quinteiro, nunha pregunta na Comisión de Economía do Parlamento sobre a situación que vive o persoal de R Cable, defendeu que o Executivo autonómico ten que deixar de poñerse de perfil nestes conflitos laborais. “Sempre escoitamos boas intencións pola defensa do emprego de calidade, pero se analizamos as medidas concretas da Xunta non vemos absolutamente nada. O compromiso ten que amosarse con algún feito concreto”, afirmou ante a resposta insuficiente da secretaria xeral de Emprego.

Paula Quinteiro lembrou durante a súa intervención que “a precariedade continúa a atravesar o conxunto do sector do telemarketing. En R Cable están ameazados máis de mil postos de traballo, pero é un problemática xeral. A realidade das traballadoras e traballadores está marcada polos baixos salarios, por unha taxa elevada de rotación, por unhas condicións de control ao persoal totalmente desproporcionadas e pola ameaza de despedimentos, principalmente por mor da deslocalización do traballo”. Ademais, incidiu en que “hai unha subcontratación extrema, moitas veces como falsos autónomos con peores condicións aínda”, e ante isto, “o persoal de R leva todo o verán mobilizándose -esta mesma tarde terán unha concentración en defensa do emprego-. Están reflexando esta estratexia de deslocalización que poñen en práctica as empresas para abaratar aínda máis os custos”.

Para a deputada do Grupo Común da Esquerda a resposta da Xunta a este conflito “non é a que debe ser. Colócanse de perfil, sen defensa nin mediación activa para a mellora de condicións laborais nin para o mantemento de postos de traballo”. Algo que considerou “especialmente grave, porque R recibiu moitas axudas públicas. Cando foi aquirida por Euskaltel no 2015 houbo un compromiso verbal de manter os empregos en Galicia, e a Xunta debe tomar medidas para que se cumpra”. Ademais, afeou a actitude da Xunta, xa que pide que se aporten propostas concretas, “pero cando as traemos para mellorar o futuro do sector, o PP vota en contra”, como ocorreu recentemente cunha moción defendida pola propia Paula Quinteiro.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario