O grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo -no que está integrado o BNG a través da súa portavoz en Europa, Ana Miranda-, amosa o seu apoio sen fisuras á marcha cívica que terá lugar este sábado, 19 de xuño, en Meirás. “O pazo de Meirás é un referente simbólico indiscutible na loita en favor da memoria histórica europea e na loita contra o espolio levado a cabo polo franquismo, polo que a celebración desta marcha tres anos despois da nosa visita ao pazo ten un valor moi especial”, manifestan desde o grupo de traballo da Eurocámara.

No marco da devolución do pazo de Meirás, o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara quere recoñecer o traballo desenvolvido pola Iniciativa Galega pola Memoria, colectivo que aglutina aos colectivos de memoria histórica de Galiza, e por suposto do investigador Carlos Babío, quen xunto ao historiador Manuel Pérez Lorenzo, é autor do ensaio “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio”.

Neste sentido, o grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, -integrado por eurodeputadas de distintos grupos e Estados-, ten expresado o seu firme apoio non só á devolución do Pazo de Meirás, senón tamén ao resto de bens incautados polo franquismo, como a Casa Cornide, así como a reparación ás vítimas.

Iniciativas

Este grupo de traballo ten desenvolvido diversas iniciativas neste sentido, como a visita ao pazo o 3 de maio de 2018, onde os eurodeputados e eurodeputadas puideron constatar que é un espazo no que constantemente se fai apoloxía da ditadura, ou a proxección na Eurocámara, en xaneiro de 2020, do documental “O Silencio de outros”, dirixido por Almudena Carracedo.

DEJA UNA RESPUESTA