O grupo parlamentario de En Marea esixe á Xunta de Galicia un cambio radical das súas fracasadas políticas en materia de vivenda coas que se está a atentar contra o dereito das persoas a unha vivenda digna. “A realidade é demoledora de Feijóo” afirmou Antón Sánchez quen salientou o incremento do número de desafiuzamentos e lanzamentos durante o pasado ano, un 4,6 por cento máis segundo datos oficiais. Isto implica unha media de 3 persoas que cada día perden a súa vivenda no noso país e unha vez máis os máis afectados son a mocidade e colectivos máis vulnerables como mulleres con fillas e fillos a cargo.

O vicevoceiro de En Marea destacou o espectacular incremento dos desafiuzamentos por non poder pagar o aluguer. “Mentres este drama diario sucede a política da Xunta é seguir apostando por fomentar burbullas e especulación, neste lugar do alugueiro” denunciou Sánchez. Así, lembrou medidas como a aprobación de privilexios fiscais a fondos voitre para investir en vivenda de aluguer, o bloqueo da lei de facendas locais para que non se puideran poñer recargas en vivendas baleiras de grandes posuidores, sempre defendendo aos grandes propietarios e bancos.

Pero tamén referiuse aos “parches” da Xunta de Galicia que foron outro fracaso xa que non pretendían cambiar o modelo. Así, o pasado ano a execución orzamento de programa axuda a acceso á vivenda foi do 45 por cento. O programa estrela de vivendas baleiras tivo unha execución do 3,2 por cento a penas 10.000 euros e dos 54 concellos adheridos so se conseguiron 16 vivendas a disposición. Tamén na construción de vivenda protexida os datos son alarmantes. Cando chegou Feijóo ao goberno galego construíanse 1.200 vivendas de protección oficial e 2.900 no 2010. Fronte a isto os últimos anos temos 15 vivendas en 2015, 4 en 2016, e 12 en 2017. “Non é casualidade senón produto deliberado das decisións do Partido Popular. Fan política de facer que fan pero non solucionan nada” incidiu Antón Sánchez.

Outro dos anuncios do Goberno galego relativo á vivenda foron as axudas para fixar poboación no rural que se se analizan e tendo en conta o límite de 10.800 euros de límite por beneficiario, co orzamento que se destinará a este programa daría unicamente para 18 vivendas en todo o país.

Antón Sánchez anunciou que o seu grupo presentará nas vindeiras semanas unha proposición de Lei na que se presentarán unha serie de medidas orientadas a dar solución aos graves problemas de vivenda no noso país. Unha das medidas será un parque público de alugueiro social que dea acceso real a unha vivenda a todas as persoas que o precisen. Así mesmo, regular os prezos ten que ser regulado e que non sexan os especuladores, que o 30 por cento do solo se reserve para protección, aplicar un recargo para vivendas baleiras de grandes propietarios, obrigar a os bancos da Sareb a que se poñan a disposición pública ou aprobar xeitos eficientes de mobilizar as vivendas baleiras, entre outras.

Deja un comentario