A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil anunciou que o Parlamento galego activou hoxe a Comisión, “impulsada polo BNG” para  a modificación do modelo de financiamento. Grazas ao traballo do BNG, indicou a nacionalista,  “Galiza terá algo que dicir na negociación  do novo  sistema de  financiamento”. Dende o BNG, recalcou Rodil,  poñemos en valor a creación desta comisión que até o 22 de novembro manterá un prazo  para que as forzas políticas designen ás persoas que participarán na comisión de estudo e comezar co plan de traballo e formalización das  comparecencias.

Políticas activas  para loitar contra as violencias machistas

Tras a Xunta de portavoces para elaborar a orde o vindeiro pleno, a deputada  avanzou que o BNG centrará as súas intervencións reclamando un papel pro activo das institucións contra a violencia machista, coincidindo coa celebración do 25-N Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

As institucións, dixo, deben asumir un papel “máis proactivo na detección e  intervención fronte á violencia machista”. Non podemos agardar a que as mulleres decidan dar o paso de presentar denuncia porque non  é preciso para garantir a súa protección, en Galiza desde 2007 a condición de vítima non require de denuncia nin policial nin xudicial. “Un informe de servizos sociais é suficiente para que todo o sistema de protección social e de axudas se poña en marcha”.

“Sabemos que apenas se denuncian o 20% dos casos de violencia machista. Isto quere dicir que 8 de cada 10 se descoñecen de aí a importancia  dos servizos públicos de apoio, asesoramento, prevención e protección fronte á violencia machista”. Neste sentido, Rodil anunciou que o BNG defenderá tres medidas co fin de, “ampliar e reforzar a rede de CIM de competencia municipal, na actualidade 83 centros de información ás mulleres que cobren 182 concellos (de 313). É necesario, polo tanto,  ampliar esta rede para cubrir o conxunto do territorio.”

Ademais, resulta urxente a  Formación persoal especialmente do SERGAS e recuperar a presencialidade na atención sanitaria porque “no centro de saúde pódense detectar moitos casos antes de que as mulleres decidan dar o paso para denunciar”.

Por outra banda, exixiremos unha  avaliación do protocolo de coordinación interinstitucional  incluído  no  acordo parlamentario “que non se cumpre dende a súa aprobación, hai  dous anos”.

A cidadanía non se mobiliza por deporte, reclama os seus dereitos

Entre outros asuntos, o BNG levará ao pleno “a crecente mobilización social e  malestar social que as galegas e galegos están a expresar nas rúas”. Neste sentido,  a portavoz nacional, Ana Pontón preguntará a Feixóo se está “a tomar nota” do que lle está a dicir a xente, sen ir máis lonxe, o pasado domingo na manifestación convocada por SOS Sanidade pública pero tamén dende os sectores produtivos como o do   leite,  porque “é imposible vivir do teu traballo se cobras menos do que che custa producir”

“A xente non se mobiliza por deporte senón polos seus dereitos” remarcou.

O  BNG tamén defenderá unha  Moción para  recuperar a presencialidade na Atención Primaria para todas as persoas que o precisen e o soliciten limitando a atención telefónica a tarefas complementarias.

Sobre o sector  lácteo o BNG urxirá  á Xunta a facer algo máis que “ser simple comentarista da realidade ou ter un conselleiro de Medio Rural dedicado a mandar cartas ao BNG para pedirnos que fagamos o seu traballo”. Debe ser convocada  a Mesa do leite e sentar todos os elos da cadea ademais de  pedirlle explicacións ás industrias que están pagando en orixe por debaixo do custe.

Olalla Rodil mostrou o apoio do BNG á folga xeral convocada para mañá na Mariña e exixirá á Xunta que defenda  a industria, a  Alcoa a  Vestas, e que  abandone as políticas que levaron ao peche a  moitas empresas como  Ecar e Industrias Pardiñas a Mon, IPV, Conservas Alonso, Muebles Hermida, Gres Burela, Maderas Costiña ou  os EREs en Sargadelos.

“O PP está deixándonos cada día unha Galiza máis achicada, máis pequena, e este país merece e ten dereito a moito máis”, concluíu.

DEJA UNA RESPUESTA