Redacción Galiza | En Marea

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a proposición de Lei do grupo de En Marea na que se pedía á Xunta instar ao Goberno central a modificación das bases das convocatorias dos organismos autónomos adscritos ao SERGAS para garantir a inclusión de cláusulas de non discriminación polo exercicio dos dereitos por maternidade e a revisión de procedementos administrativos onde se puideran ter dado unha situación de discriminación. O voceiro de En Marea, Luís Villares, destacou o positivo deste acordo que supón un paso máis de cara a lograr a igualdade real e efectiva.

Na súa intervención o voceiro de En Marea lembrou o caso da científica María de la Fuente discriminada polo simple feito de ser nai e puxo en valor a súa valentía por denunciar esta inxustiza publicamente. O esforzo persoal, familiar, de acompañamento é tan alto que non se pode permitir compatibilizar a investigación ao máis alto nivel, baseado na excelencia académica e investigadora e os desexos de ser nai nunha etapa de 90 devalo demográfico de Galicia na que tanta falta fai o incremento das taxas de natalidade, e as políticas da Xunta para incrementar a mesma.

Xeralmente, as persoas contratadas baixo os programas Miguel Servet, ou outros programas de investigación teñen unha compoñente de competitividade moi alta, que se traduce en artigos, en investigación en innovación e na busca continuada excelencia.  Nesa busca da excelencia, ocorre que se relega a segundo plano a opción de formar ou de ter unha familia e de incorporar novos membros a ela, mediante o parto ou a adopción, xa que non hai forma de conciliar a excelencia continua cos coidados que esixen as crianzas como destacou Villares.

“Non existe a opción de conciliación nas bolsas de investigación, é unha carreira de fondo na que as mellores compiten entre si por ter o seu propio laboratorio, a súa propia liña de investigación e o persoal ao seu cargo que lles axude nesa tarefa inxente de busca, e ademais subsistir” explicou. Esta regulación traduciuse na práctica en que unha baixa por maternidade computa como tempo de investigación ou curricular baleiro de contido, coma se non se estivese producindo. Desta forma a muller que fai uso dun dereito recoñecido legalmente é penalizada na súa carreira profesional, porque o período de avaliación investigador (cinco anos) é o mesmo para os aspirantes varóns ou as mulleres que non tiveron baixa ningunha, cando o razoable é que o período de avaliación fose sobre o tempo efectivamente en activo, cun prorrateo proporcional ao tempo traballado ou fórmula semellante que non penalice á muller que exercita responsablemente a súa maternidade cos dereitos laborais recoñecidos.

Así, no ano 2018 asistimos á vulneración dos dereitos das mulleres, penalizadas por o feito de ser nais, en concreto no proceso de avaliación das Bolsas Servet II, onde non se tivo en conta a carencia de produción científica dunha aspirante, María de la Fuente Freire, durante as súas baixas por maternidade, o que supuxo na 91 práctica que ela dispuxo dun 20 por cento menos de tempo que o resto de concorrentes ás bolsas por esta razón, o que evidentemente repercutiu negativamente e de xeito relevante sobre a puntuación final obtida no período avaliado.

“Tomar nota non é equivalente a deixar de discriminar” afirmou o voceiro de En Marea. Logo da histórica mobilización do 8 de Marzo de 2018 en defensa da igualdade real das mulleres na nosa sociedade, no eido laboral, salarial, cultural ou dos coidados, co desexo expreso de romper teitos de cristal, os gobernos e partidos de todo signo comprometéronse a tomar nota do sucedido. “As declaracións de intencións ou os bos propósitos de futuro non solucionan por si sos as discriminacións presentes” declarou Villares.

Ante esta situación o grupo de En Marea presentou unha proposición de Lei, que foi finalmente aprobada por unanimidade na Cámara galega na que se insta á Xunta a se dirixir ao Goberno central para:

1.- Modificar as bases das convocatorias dos organismos autónomos adscritos ao  Sistema Nacional de Saúde para garantir que se inclúan nas bases de contratación, dos concursos públicos e bolsas de investigación, cláusulas de non discriminación polo exercicio dos dereitos laborais recoñecidos legalmente por 93 razón de maternidade, de igual forma que se fai xa actualmente no Espazo Europeo.

2.- Iniciar procesos de revisión de procedementos administrativos firmes onde se  producisen esta clase de discriminacións para revogar de oficio as situacións xurídicas individualizadas nas que xa se teña vulnerado, coma no caso de María de la Fuente, o dereito á igualdade polo simple exercicio dos dereitos laborais no período de valoración curricular.

3-. Recoñecer, en procedementos administrativos ou xudiciais non firmes, a situación de discriminación producida e recoñecer as pretensións de tratamento.

Deja un comentario