O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, lamentou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, dedicara un “grande esforzo” no Debate do estado da Nación a “negar a existencia de problemas en Galiza”. “Sen problemas, non se precisan solución” afirmou pero a realidade é que “hai problemas e non hai solucións porque o PP non ten un proxecto de futuro para o autogoberno galego nin para Galiza”. Tampouco dedicou un so minuto a falar dos incumprimentos das promesas enunciadas no discurso do ano pasado ou no seu discurso de investidura, nin un mínimo de autocrítica acerca das eivas evidentes do seu Goberno.

Unha das promesas sen cumprir foi a relativa as Directrices da Paisaxe para 2017, e misteriosamente seguen bloqueadas a finais do 2018. “E as eléctricas que instalan eólicos en áreas con alto valor paisaxístico encantadas. Pura casualidade, non?” explicou Antón Sánchez e por ese motivo, pediu que se tramite de xeito inmediato. Non dixo nada da mobilidade da terra e a perda continua de explotacións galegas. Tampouco temos os Plans de Ordenación Forestal aos que o Feijóo prometeu dar pulo nesta lexislatura durante o discurso de investidura. Non deu contas do ritmo de execución das concentracións parcelarias, cando prometeu o ano pasado rematalas todas nesta lexislatura. No ano 2017 títulos de 2 concentracións entregados das 130 que tiña que rematar nesta lexislatura.

Sánchez referiuse tamén as palabras de Feijóo falando de que Galiza é das comunidades autónomas menos endebedadas pero nada dixo de que en cambio é das que máis dedica a pagarlle aos bancos. “Puido dicir que cando chegou á Presidencia dedicábase o 3,4 por cento do Orzamento ao pago da débeda, e no último ano o 18 por cento, incremento que detrae doutros servizos como poden ser sanidade ou ensino” salientou Sánchez.

Pouco falou do sector forestal, se cadra para non dicir cantas SOFOR se constituíron ata o de agora, cando non se cansa de repetir que a xestión conxunta do monte é unha das chaves para o seu desenvolvemento. “A este ritmo terían que pasar 1.000 anos para ter o monte galego ordenado” afirmou.

Nada dixo tampouco, como denunciou Sánchez, de que en Galiza no ano 2017 medraron os desafiuzamentos mentres no resto do Estado baixaban. Mentres isto acontecía do Programa de acceso á vivenda no ano 2017, segundo a conta xeral só se executaron 2 millóns de euros a cifra máis baixa en moitos anos. Nada dixo de que o grado de execución do seu proxecto estrela para a vivenda o Programa de vivenda baleira executou 10.499 euros de 300.000, cun 3,4 por cento de execución. Non falou nada de vivenda protexida cando Galiza se atopa na cola do Estado na construción de vivenda protexida, froito das súas políticas e leis. En Galiza construíronse 5 vivendas protexidas en 2015 e 4 en 2016, 35 veces menos que no Estado.

Con todo este listado de incumprimentos e moitos máis aos que non se referiu o vicevoceiro de En Marea ante a falla de tempo, asegurou que con este panorama queda en entredito a credibilidade de Feijóo para facer novas promesas. “O que si lle funciona ben é a manipulación e o control dos medios públicos.  A día de hoxe, a súa gran batalla en Galiza é o control político dos medios públicos da CRTVG” declarou. “As traballadores e traballadores da CRTVG suman xa 20 venres negros, xornadas de loita exemplar contra a manipulación informativa e a favor dun xornalismo profesional, libre de servidumes partidarias e ao servizo do pluralismo” engadiu o vicevoceiro.

Outra das características do discurso do PP neste debate é que a retórica reivindicativa substituíu á desgana. “Agora xa esixen, demandan e lle poñen deberes ao Goberno do Estado. Unha mágoa que non tivesen esa ansia co anterior presidente do Goberno e, durante case 7 anos mantiveran un silencio manso con Mariano Rajoy” lamentou.

En Marea como informou o vicevoceiro presentou algunhas propostas de resolucións ás que o PP se opuxo e coas que se pretendía poñer fin á parálise do proceso de transferencia de competencias que vostedes inauguraron en 2009: Demandar ao Goberno do Estado a recuperación da concesión da AP9 para a súa xestión pública e a súa transferencia a Galicia, solicitar a transferencia das competencias ferroviarias de proximidade, esixir o cumprimento do calendario fixado para a finalizar o AVE a Galicia a finais do ano 2019; logremos un compromiso en orzamentos e prazos para a modernización da conexión ferroviaria entre A Coruña e Ferrol e reclamemos na UE a inclusión do Corredor Galiza-Portugal (Vigo-Leixões/Porto) no Corredor Atlántico Ferroviario de Mercadorías.

A REALIDADE DE GALICIA NON É FROITO DA CASUALIDADE

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, afirmou que os nove anos de goberno Feijóo evidencian que a realidade de Galicia de hoxe non é froito da casualidade nin allea ás políticas do PP. Acusou ao goberno galego de apostar nestes anos por un modelo baseado na precarización laboral e destrución de emprego, empobrecementos dos servizos públicos e a súa privatización con menos orzamento e menos profesionais na Sanidade e no Ensino. Un modelo de barra libre para as eléctricas, de despreocupación ambiental, de desorden territorial

Outra das características destes nove anos como asegurou Sánchez foi a ausencia da vontade de autogoberno. Nin unha transferencia de competencias, nin unha reclamación, agás a da AP9. En Marea como explicou o seu viceportavoz aposta por outro modelo. Así, asegurou que Galiza precisa unha Estratexia para o Emprego Digno e de Calidade, dotada cos recursos orzamentarios necesarios, con obxectivos claros e instrumentos claros.

pobreza que cébase na infancia e a adolescencia. A mocidade galega soporta unha taxa de risco de pobreza e exclusión do 37,8%. A taxa AROPE cifra nun 28,8% o risco de pobreza infantil. En Galicia hai  18.000 fogares con menores en situación de carencia material severa. A RISGA maniféstase totalmente insuficiente e ineficaz.  “Unha auténtica política de solidariedade pasa por crear, antes de 2020, un sistema de renda mínima eficaz e inclusivo, desenvolvendo unha prestación garantida de dereito subxectivo” subliñou.

En Galiza hai persoas dependentes con dereito recoñecido son 66.995 (agosto de 2018), das cales 9.388 aínda están en lista de agarda e non perciben ningunha prestación (14 por cento). “Fixeron da dependencia un negocio para as residencias privadas. Somos a Comunidade con maior porcentaxe de prazas privadas sobre o total (67%).Recortaron en persoal de atención directa nos centros de maiores” denunciou.

O 24,8 por cento da poboación galega é pensionista pero Galiza é a segunda Comunidade coas pensións máis baixas. O mecanismo básico de solidariedade e xustiza pasa para En Marea pola defensa do sistema público de pensións e a actualización das pensións conforme ao IPC real e pasa por derrogar as reformas das pensións de 2011 e 2013 e por iso cómpre que se emenden.

O dereito a unha vivenda digna non está garantido en Galicia. Converter o dereito en dereito real pasa por incrementar substancialmente o parque público de vivenda en aluguer, cunha intervención pública coordinada para a xeración suficiente de vivenda de promoción pública en alugueiro. En Marea instou a demandar do Goberno do Estado a cesión das vivendas propiedade da SAREB en Galiza para que se incorporen a un Parque público de aluguer, xestionado polo IGVS e polos concellos. Instaron a esixir a aprobación dunha norma regulamentaria que desenvolva o art. 72  do Texto Refundido da Lei Reguladora de Facendas Locais para determinar os parámetros para considerar unha vivenda como desocupada, que permita a imposición efectiva de recargos no IBI naqueles concellos que así o acorden. Tamén demandar a modificación da Lei de Arrendamentos Urbanos que mellore a estabilidade dos contratos, limite o incremento dos prezos entre contrato e contrato, e coute as fianzas. Cómpre incrementar  os orzamentos para as políticas de acceso á vivenda e a mellorar os niveis de execución orzamentarios das partidas correspondentes.

No ámbito sanitario, o viceportavoz de En Marea acusou ao PP de “converter a saúde nun gorentoso negocio” coa imposición dun desinvestimento na sanidade pública e estimularon o aumento de beneficios da sanidade privada. A emenda de En Marea pedía algo sinxelo: blindar o dereito a unha sanidade de calidade.

Blindaxe que hai que estender ao dereito á educación para compensar os recortes reiterados das partidas destinadas ao ensino público. Para evitar este devalo, cómpre blindar o orzamento situando o investimento galego en ensino nun 5 por cento do PIB en 2022.

Antón Sánchez fixo mención especial a loita contra as violencias machistas “un dos principais problemas aos que nos enfrontamos como sociedade”. “Os asasinatos son a forma máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres, pero a violencia atravesa o conxunto das súas vidas. Os datos son arrepiantes, con 54 feminicidios rexistrados en Galicia entre 2010 e 2017. Tres mulleres mortas no que vai de 2018.

Non se pode titubear. Hai que avanzar nos compromisos, non dar pasos atrás. Debe ser unha prioridade indiscutible” remarcou.

ESPOLIO DOS RECURSOS NATURAIS, DESARTICULACIÓN DO TERRITORIO

A depredación dos recursos reflíctese nun alarmante despoboamento do territorio e o seu empobrecemento e tamén nun enriquecemento inxusto, inmoral e desmedido das empresas fundamentalmente do sector mineiro, enerxético e de aproveitamento forestal. “Falan de dar máis privilexios e prebendas na tramitación de proxectos de grandes empresas extractivas, mentres subvencións de gandeiros para a mellora de explotacións agrarias corren perigo porque non se tramitan con dilixencia suficiente os certificados ambientais” denunciou o vicevoceiro.

Para En Marea cómpre un novo Plan Sectorial Eólico de Galicia para o que hai que abrir un proceso participativo para deseñar un novo Plan que recolla de verdade os intereses da cidadanía e garantir un proceso de transición enerxética xusto que supoña unha verdadeira oportunidade de desenvolvemento futuro para o mundo rural galego.

“Os solos con altas aptitudes agronómicas son un valor a preservar e as políticas do goberno galego deberían ter na súa preservación un dos seus obxectivos primordiais. Precisamos para todo o país un Mapa de Solos Oficial” sinalou.

O centro do debate da política forestal está na ordenación do territorio e nun novo modelo de economía agraria. “A trama incendiaria serve para que vostedes desvíen a atención do importante, pretenden afastar o debate público do modelo de ordenación forestal” lamentou Sánchez que asegurou “é precisa unha nova planificación do monte”. “É urxente mudar o modelo produtivo dos nosos montes, elixir cultivos autóctonos, activar un rural no que se poida vivir nel e tamén del. Cómpre un modelo de actividade agraria, gandeira e forestal sustentable que fixe poboación ao territorio, algo que non é compatible co espolio dos nosos recursos naturais” explicou.

Tamén o mar tivo un lugar destacado no discurso do vicevoceiro de En Marea explicando que “a xestión das augas residuais en Galicia non se está a facer de maneira axeitada, os vertidos incontrolados aos ríos e rías son un problema de grande importancia totalmente descoidado pola Xunta”. O impacto negativo das verteduras estraga as posibilidades de futuro da nosa pesca artesanal e dunha acuicultura extensiva e respectuosa co medio mariño.

O vicevoceiro de En Marea rematou o discurso falando de tres temas fundamentais: A protección das liberdades, a loita contra a corrupción e a defensa da lingua galega. No primeiro deles afirmou que o PP “desde o Goberno do Estado, promoveu unha involución autoritaria que pon en cuestión dereitos e liberdades democráticas fundamentais”. “No Estado español hai cidadáns no cárcere por exercer liberdades fundamentais. Presos políticos. Esiximos a súa liberdade” declarou.

En materia de corrupción lembrou como o PP perdeu o Goberno español por practicar, amparar e desculpar a corrupción. Neste sentido pediu solicitar, por unanimidade, que o Ministerio de Xustiza dote unha fiscalía anticorrupción delegada en exclusiva para a Galicia.

En lingua, Sánchez acusou ao goberno Feijóo de ter “a dubidosa honra de ser autores intelectuais da andrómena da imposición do galego”. “O mesmo día que o deputado Cantó predicaba a desaparición do castelán en Galiza, a Real Academia Galega facía público un informe, un máis, que sinalaba ao sistema escolar como un factor fundamental de desgaleguización. Un proceso de desgaleguización das xeracións máis novas acelerado polo Decreto do Plurilingüismo que o presidente Núñez Feijóo asinou fachendosamente” aclarou.

O vicevoceiro de En Marea rematou o seu discurso no Debate do estado da Nación cunha mención a Castelao e á “Derradeira lección do mestre” asegurando que as declaracións do presidente da Xunta non foron “un agravio ao nacionalismo galego, foron un agravio á democracia”. “Banalizaron un símbolo da resistencia democrática fronte á guerra e a barbarie fascista. Sen escrúpulos. Pero iso non borra a historia. Unha historia na que reaparecen as cunetas vermellas manchadas de sangue e as camisas azul mahón” denunciou.

“Cando emerxía a luz chegaron as sombras. Sombras criminais e asasinas que roubaron daquela a vida dos mellores: dos homes e das mulleres comprometidos nunha Galicia moderna, ilustrada, progresista, revolucionaria. Unha Galicia daquela purgada e que hoxe pretenden borrar da memoria das galegas e galegos” continuou o vicevoceiro de En Marea. A semente desa Galicia insubmisa asegurou, emerxe hoxe nas loitas que pretenden rematar co saqueo do público, que toman as rúas. “Unha Galicia que se move sen medo á liberdade, que sabe o que quere para o futuro e que se mobiliza para acadar os seus obxectivos. Castelao é patrimonio dos demócratas, non dos herdeiros do franquismo”.

Deja un comentario