A deputada Paula Verao afirma que reducir o IVE destes produtos de uso obrigado é de xustiza social e forma parte da loita pola igualdade.

O Parlamento Galego aprobou esta mañá a Proposición de Lei de En Marea para reducir o IVE dos produtos de hixiene feminina de uso obrigado. A proposta está enmarcada na defensa da igualdade, dado que as mulleres, polo feito de selo, utilizan determinados produtos de hixiene que constitúen un importante desembolso económico.

A deputada Paula Verao afirmou que se trata dunha medida de xustiza social: “Partimos desa desigualdade polo feito de sermos mulleres, polo que é xusto os produtos de hixiene feminina sexan gravados co tipo súper-reducido do 4%, fronte ao reducido do 10% actual”.

Nun contexto onde a fenda salarial non está superada, no que as mulleres, de media, teñen ingresos inferiores aos homes durante toda a vida laboral (máis de 4.500 € de media anual de diferencia), e máis nas pensións, as mulleres soportan maior carga económica en relación a produtos de hixiene íntima: “Os produtos relacionados coa menstruación, usámolos as mulleres uns 35-40 anos de media. Ditos produtos poden chegar a ter uns custes moi elevados ao mes. Só falando dos usados para a menstruación, poden supor 20 euros mensuais, o que para mozas sen emprego ou persoas en risco de exclusión social é un custe moi elevado” continuou Paula.

Asociacións de solidariedade advirten da necesidade de compresas e tampóns por parte de familias con poucos recursos; son un dos produtos máis demandados. Comeza a falarse da “pobreza menstrual”, para definir este fenómeno, ligado, tamén, a un persistente tabú sobre a menstruación e falta de educación sexual, algo que como matizou a deputada non queda aí, pois “non se trata só durante a etapa fértil, continúa o uso diferencial homes-mulleres no caso das perdas de orina na ancianidade… Dende que unha muller ten a súa menarquía ata o final da vida, usa moitos máis produtos de hixiene íntima que os homes”.

Trátase dunha proposta enmarcada na xustiza social e na igualdade, con amplo consenso social. O que propón En Marea é modificar a lei, elevar ao Congreso unha proposta de modificación da Lei 37/1992, de 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, para blindar esta medida como estrutural e perdurable no tempo. Trátase dunha medida coñecida no entorno europeo e atlántico, con estados onde estes produtos están exentos de impostos (Canadá) e outros onde teñen taxa súper-reducida.

Paula Verao tamén mencionou a necesidade de avanzar no abaratamento e posta en coñecemento das alternativas ecolóxicas a estes produtos, gravando estes produtos co tipo súper-reducido, para avanzar na loita contra os residuos e na sustentabilidade ambiental: “incluímos, pois, non só as compresas, tampóns e salvaslips, contemplados ata o de agora co IVE reducido, senón tamén novos produtos reutilizables, copas menstruais e, tamén, os xeles de uso íntimo”.

A medida de redución do IVE dos produtos de hixiene feminina ten un impacto económico pequeno a nivel global, pero un retorno moi positivo para as mulleres con ingresos medios e baixos, así como para o seu benestar e saúde. As estimacións realizadas indican que o custo desta medida para o conxunto das arcas públicas chegaría aos 19 millóns de euros.

A modificación proposta tamén solicita que no artigo 6º b (onde se incluían as compresas, tampóns e protexeslips) inclúa especificamente con gravame reducido tanto os preservativos masculinos como femininos, de xeito específico.

Paula Verao non dubida, e desde hoxe o Parlamento Galego tampouco, que son produtos de primeira necesidade xa que produce desigualdade no acceso aos mesmos por ser de obrigada necesidade por parte das mulleres: “en tanto que mulleres, consideramos que a aplicación do imposto pode considerarse discriminatorio, polo que debería estar o gravame destes produtos no mesmo rango que outros de primeira necesidade”.

Let’s block ads! (Why?)

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario