O persoal de GRI Towers (O Carballiño) ratificou en asemblea o acordo previo conseguido polos sindicatos após mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, polo que remata o conflito colectivo. As traballadoras e traballadores protagonizaron varios días de folga en abril, e onte mesmo iniciaran folga indefinida. O resultado da asemblea foi de 265 a favor do acordo (95,67%) e 12 votos en contra (4,33%).

Manifestación o pasado 16 de abril no Carballiño | Foto: CCOO

Manifestación o pasado 16 de abril no Carballiño | Foto: CCOO

A ratificación implica a desconvocatoria da folga e a retirada da demanda interposta nos xulgados de Ourense en relación coa reclamación do 3 % de incremento salarial. O acordo entra en vigor este mesmo mes, e estará vixente ata maio do 2020, agás que outro pacto o substitúa.

Traballo os sábados

Con carácter retroactivo ao mes de febreiro de 2019, a empresa aboará unha cantidade equivalente a un 3 % —que se calculará sobre a suma do salario base e o complemento de carencia de incentivos— por riba das táboas do convenio, como contraprestación pola posibilidade de traballo os sábados entre as 7:00 e as 19:00, sempre con carácter voluntario e rotativo para cada persoa traballadora. Esta cantidade non é absorbible.

Complemento para reducir o absentismo

Coa finalidade de reducir o absentismo laboral, aboarase un complemento de sesenta euros mensuais a cada persoa traballadora, aplicable unicamente os meses en que non teña ningunha ausencia ao traballo, agás nos casos de baixa por nacemento de filla ou fillo, baixa por risco durante o embarazo, horas sindicais ou permisos retribuídos recollidos no convenio de aplicación.

Prima de produción

Tamén se fixa unha prima de produción coa intención de mellorar a produtividade da planta. O complemento cobrarase en función dos días traballados dentro do ano natural.

Gratificación dos traballos excepcionais

Durante este ano 2019, a empresa realizará os estudos necesarios para a aplicación das gratificacións que correspondan pola realización de traballos de excepcional penosidade, toxicidade e perigo, segundo o recollido no convenio. A aplicación efectiva dos ditos resultados deberá efectuarse a partir de xaneiro de 2020.

Cen ascensos ata o 2021

Ademais, a empresa revisará as categorías profesionais aplicadas na planta, co compromiso de, como mínimo, ascender a 35 persoas de taller no ano 2019, 35 no 2020 e 30 no 2021. En total, cen ascensos durante tres exercicios.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario