CCOO-Sanidade alerta de que os sanitarios están «en máximo risco de contaxio» por non usar equipos de protección adecuados e critica a disparidade de criterios entre as áreas sanitarias do SERGAS.

A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia esíxelle aos responsables do Servicio Galego de Saúde e ao Goberno da Xunta que tome todas as medidas necesarias «para minimizar os riscos de contaxio nos servizos de atención primaria. A central sindical lembra que a atención primera é «a primeira porta de acceso» ao sistema sanitario e que os e as profesionais que alí traballan deben levar os equipos de protección individual (EPI) axeitados. Sen embargo, la realidade é que a protección da que dispoñen por mor da Xunta «non é a adecuada para desenvolver o seu cometido».

FALTA DE CRITERIOS CLAROS

CCOO-Sanidade denuncia que o SERGAS obriga ao persoal que acode ao domicilio de persoas que deron positivo en coronavirus -ou que se sospeita que o poden ser- nos seus vehículos particulares cunha máscara cirúrxica «que non serve para a súa protección» nin é «barreira para o contaxio» e cunha bata «que non cobre totalmente a súa roupa».

«Tras realizar o seu traballo este persoal debe regresar ao seu vehículo sen dispoñer dun lugar para mudar a roupa -que pode estar contaminada- e sen lles garantir a desinfección do seu vehículo, que en moitos casos é compartido con outras persoas do seu círculo» -relatan-.

PROTOCOLO DE TRASLADOS EN AMBULANCIA

CCOO tamén denuncia a «ineficacia» do protocolo de traslados en ambulancia cos casos sospeitosos de COVID-19 desde o medio rural ata o hospital de referencia. Según denuncian, a maioría destes traslados fainos persoal dos puntos de atención continuada (PAC), «polo que deixan o seu posto baleiro e sen atención para o resto de doentes que poidan necesitar atención urxente».

Ademais, relatan que «o traslado realízase nun habitáculo reducido, sen posibilidade de respectar unha distancia de seguridade co doente» pois «nas cabinas adoita haber tres asentos: dous no lateral esquerdo do doente, cunha distancia da padiola de menos dun metro, e outro detrás da cabeceira do doente». Engadido a esta disposición, se durante o transporte se lle debe administrar osíxeno á persoa trasladada, «descoñecemos cal é o dispositivo máis axeitado para este labor sen que supoña un risco adicional para os profesionais» -sinalan dende o sindicato-.

Desde CCOO insisten en que cando se realizan técnicas extrahospitalarias de calquera tipo, «onde non controlamos o escenario de actuación, necesitamos un alto nivel de seguridade para desenvolver o noso traballo e unha axeitada protección que garanta a saúde do persoal».

DISPARIDADE ENTRE ÁREAS SANITARIAS

Por último -explican dende o colectivo- «cando o persoal chega ao hospital, a ambulancia débese descontaminar, actividade que semella facerse en cada área sanitaria de xeito diferente, obrigando nalgunha delas aos profesionais a agardar pola dita descontaminación, polo que o centro de saúde ou PAC queda sen o persoal médico ou de enfermaría desprazado durante o tempo de descontaminación» e «tampouco hai unha instrución que aclare onde deben retirar os profesionais os seus EPI, faise de xeito diferente en cada área sanitaria» -rematan dende CCOO-Sanidade-.