A Xunta quere manter a mesma política forestal dos últimos anos, ignorando ao sector, favorecendo as grandes empresas madeireiras e a ENCE e rebaixando o valor do monte galego destinándoo a producir madeira de baixa calidade. Esto é o que se pode entender tras a publicación a finais da pasada semana do Plan Forestal por parte do goberno.

Davide Rodríguez e Antón Sánchez, deputados de En Marea, reclamaron unha vez máis que este novo plan da Xunta sexa debatido no Parlamento para que se poidan escoitar as voces da oposición e dos sectores forestais ignorados polo Partido Popular.  Neste sentido, é importante lembrar que a comisión sobre os incendios non rematou pero o plan forestal xa está publicado no DOGA.

Davide Rodríguez explicou como desde hai meses “distintas asociacións do monte e do sector forestal de Galicia tentaron entrar en contacto coa Xunta de Galicia para manter unha actitude de colaboración e xerar o maio valor posible para a sociedade galega”, pero o PP evitou sistematicamente falar con eles. “Esta revisión do plan forestal non foi quen de aproveitar as oportunidades e responder de forma eficaz aos retos que presentaba o plan anterior”, Sinalou o deputado.

Isto é así porque, segundo o deputado de En Marea por Ourense, “a Xunta non aproveitou ningunha das aportacións que se fixeron desde os colectivos forestais e do monte, as asociacións ecoloxistas ou o sindicatos agrarios, comunidade de montes e acaba de publicar un plan forestal que é continuista e unilateral”. “A única dirección deste plan son as grandes empresas madeireiras e ENCE”, afirmou Davide Rodríguez”.

Por este motivo, pola falta de consultas aos sectores implicados na xestión do monte “este plan contén carencias importantes, entre elas a de pór en marcha un grupo de traballo consultivo que fixera un seguemento da redacción do plan”. Tampouco quixo a Xunta recopilar a información sobre a situación actual do monte nin as formas precisas de xestionalo e “non se pode xestionar o que non temos e agora mesmo non temos un inventario forestal e polo tanto non se pode sacar un plan forestal para xestionar o que non sabes que posúes”.

Para En Marea é tremendamente irresponsable aprobar “un documento desta transcendencia sen darse ningunha das circunstancias antes descritas agás que a aprobación deste plan sexa un obxectivo final en si mesmo para favorecer ás grandes empresas madeireiras”. Considera Davide Rodríguez que un Plan forestal debe ser unha “ferramenta fundamental na xestión do monte, debe aportar equilibro territorial, ten que aportar biodiversidade, ten que formentar a industria de primeira e segunda transformación que fixe poboación no rural dando recurso económico ata que o plan sexa unha chave estratéxica do noso país”.

O deputado Antón Sánchez García explicou que repasando o grado de incumprimento do anterior plan forestal, que é do ano 1992 “xa chegaría para que se asumisen as responsabilidades políticas, en concreto as o máximo responsable da política forestal en Galicia, Tomás Fernández Couto, que polo tanto é responsable do incumprimento xeralizado de todas as indicacións do plan forestal”. Entre os exemplos deste incumprimento está a “distribución de especies, cunha eucaliptización disparada, cun 18% máis de eucalipto en 25 anos cando a previsión era para corenta anos”. Tamén se incumpriu o traballo na xestión da propiedade “cando se prometeron xestión conxunta en propiedades moi fragmentadas e cando se tirou abaixo a fórmula das UXFOR aprobada polo bipartito, e aínda así só se formalización cinco sociedades de formento forestal para a xestión conxunta, que só sumaron 749 hectáreas”. Todo isto en oito anos de xestión, “un absoluto fracaso”.

Sánchez sinalou que o plan presentaba numerosas eivas e era claro que o goberno galego non quería “cambiar o modelo, segue apostando por incrementar a superficie de eucalipto e segue apostando polos cultivos de baixo valor”. A Xunta aposta polos cultivos enerxéticos para a produción de biomasa para o servizo das grandes empresas, “un modelo insotible, que non crea emprego e que falsea os datos de CO2”. Para Sánchez as previsións sobre a produción para enerxía “si se cumprirán porque esta é a verdadeira aposta do PP, a produción de cultivos enerxéticos que non son os que conveñen a este país, só lles conveñen as empresas madeireiras”.

Deja un comentario