A plataforma en defensa do único centro público de Sarria denuncia que dende a Consellería de Educación estase a prohibir o acceso aos profesionais dos medios de comunicación ás instalacións do edificio da Escola Fogar, a donde recentemente foron trasladados os case 400 nenos e nenas que integran a comunidade escolar.
O colectivo, que este pasado domingo instalou de 12:00 a 20:00 horas no Paseo do Malecón de Sarria unha réplica exacta dunha das aulas, ven denunciando dende fai semanas que dende o Goberno galego non se están a cumprir os requisitos mínimos esixidos pola lexislación educativa, que as aulas son excesivamente pequenas en relación á proporción de alumnado, e que ademáis as instalacións da Escola Fogar presentan importantes deficiencias en canto a accesibilidade e habitabilidade pola presenza de malos cheiros, humidades e unha notable falta de ventilación, nunha situación que dende a plataforma califican de “tercermundista”.
Asemade, as instalacións da Escola Fogar, edificio anexo ao CEIP Frei Luís de Granada, carecen de instalacións esenciais para o centro como a biblioteca e o ximnasio, que ten que ser improvisado polos docentes na sala de profesores e tamén surxiron problemas eléctricos pola antigüedade do edificio, que ao igual que o colexio, leva máis de 50 anos construído.
Por todos estes motivos critican as presións que dende a Consellería de Educación estanse a levar a cabo sobre os membros do equipo directivo do centro escolar e a cerrazón informativa imposta pola conselleira Carmen Pomar, que trata de ocultar esta situación impedindo tanto aos medios de comunicación como á cidadanía en xeral o acceso ao centro.
Dende a Plataforma en Defensa do CEIP Frei Luís de Granada denuncian sen ambaxes esta situación e reclaman transparencia e reclaman “un colexio en plenas condicións” e unha situación de dignidade e calidade educativa que cumpra cos requisitos que se esperan dun centro do século XXI.