Ducias de publicacións de dentro e fóra de Galiza tratan estes días os problemas de saúde ocasionados a varios “instagrammers” logo do baño no recinto. Sen embargo, a Xunta promocionou a zona no 2017 e tivo que retirar a campaña logo da oleada de críticas que recolleu a nivel público por parte de internautas e colectivos como Adega, Petón do Lobo ou Salvemos Cabana, entre outros.

Sobre isto alertou o deputado Antón Sánchez nunha interpelación parlamentaria ao Goberno galego en outubro dese mesmo ano. O vicevoceiro do Grupo de En Marea e portavoz nacional de Anova preguntábase entón pola fotografía utilizada na campaña, na que aparecía unha muller diante dunha das balsas do Monte Neme e pedíalle ao representante do Executivo unha explicación.

“Para promocionar o turismo galego vostedes poñen unha foto dunha balsa que hai casi tres anos produciu un vertido de 24.000 metros cúbicos de lodos tóxicos, que non causou unha traxedia humana porque non lle cadrou pero sí que causou un impacto ambiental evidente” -afeoulle o deputado ao vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda-.

“Esa balsa propiedade dunha empresa chamada Leitosa, dun sobriño de Cotino, dunha empresa relacionada coa trama Gürtel négase a facer o plan de restauración que costa 800.000 euros. Esta balsa segue sen ter as medidas de seguridade axeitadas e está aberta con taludes verticais onde poden caer persoas e calquera día, cando cambie o réxime de choivas e haxa unha choiva tan abundante como houbo naquel momento pode volver acontecer un accidente, ogallá que non” -recordou-.
Antón Sánchez cualificou o feito coma o exemplo pertecto do modelo defendido polo PP de Alberto Núñez Feijóo na imposición na Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, más coñecida como “Lei de Depredación”, que modificou a lexislación mineira galega para darlle máis facilitades ás empresas eliminando trabas administrativas pero tamén garantías ambientais.

“Señor vicepresidente, o do Monte Neme é só un exemplo porque a mineira é unha actividade que provoca impactos ambientais e paisaxísticos moi graves, déixanos pasivos ambientais para o futuro e temos que pagar nós e isto non é un caso aillado. Temos as minas de San Finx onde imos a ter que comernos dúas balsas que deixan as empresas que explotaron o wolframio, temos Cementos Cosmos, temos Touro…É o sistema destas empresas. A especulación, deixarnos os pasivos ambientais, os impactos, as subvencións, a laxitude normativa ou a laxitude no cumprimento da normativa que é o que precisan. Sen estes elementos non hai negocio”-aseverou o deputado-.
“Este é o futuro que queren para o noso país?” -preguntábase Sánchez-, facendo referencia a “un futuro onde estas balsas do Monte Neme se multipliquen propiedade de empresas extranxeitas, especuladoras, que veñen a sacar os beneficios a este país, deixan os impactos e se van sen arranxar as desfeitas que fixeron”.