A formación gobernante do concello pontevedrés únese a PSdeG, BNG e CxL nunha moción de rexeitamento dos tres proxectos, que no seu conxunto totalizan 168 MW e ateigarían o concello de aeroxeradores de gran porte e numerosas infraestruturas asociadas. 

A corporación municipal de Lalín demanda racionalidade e sentido común na instalación de proxectos eólicos / Creative Commons

O acordo, ao que ven de acceder contrainformacion.es, insta á Xunta de Galicia a elaborar unha nova planificación eólica “que non contemple parques e infraestruturas en zonas próximas a poboacións ou terras de especial valor agrícola e gandeiro”, rexeitando a instalación dos parques eólicos Monte dos Porcallos e Val do Folgoso, de Green Capital Development (Capital Energy), Céfiro, de Greenalia Wind Power (Greenalia), así como “todos aqueles planificados en espazos non recollidos nas Directrices da Paisaxe e no Plan Eólico de Galicia ou en zonas de Rede Natura sen plan de xestión aprobado”.

O texto recorda que noutras zonas da península, como Castilla-La Mancha, Extremadura, Aragón ou Andalucía a instalación deste tipo de infraestruturas provocan un impacto moito menor pola menor dispersión dos pobos cun impacto a nivel produtivo, social, poboacional, patrimonial e mesmo paisaxístico moito máis asumible que no caso galego.

Para os grupos políticos, a actual situación de impulso de proxectos de maneira incontrolada supón “unha presión eólica insostible para a Comarca de Deza”, máxima considerando que “boa parte destes eólicos e os seus aproveitamentos, liñas de transformación e de evacuación se sitúan cunha cercanía ás casas incompatible coa normal habitabilidade das aldeas e que terían unha afección moi importante para terras e labor e unha moi significativa minoración na calidade dunha paisaxe de primeiro nivel como a lalinense e dezá”.

Ademáis, para as formacións, está a problemática dos núcleos de poboación, vivendas e explotacións agrarias baixo asedio de aeroxeradores “a menos de 500 metros” e mesmo, nalgún caso “a escasos 200 metros”, así como “terras de labor afectadas” e “intermiñables liñas eléctricas de evacuación”, afectando a valiosas especies de fauna e flora endémicas -nalgún caso ameazadas- e tamén ao propio Camiño de Santiago co prexuizo que isto supón pola instalación irracional de infraestruturas “completamente alleas á paisaxe”.

Por todos estes motivos, a Corporación do Concello de Lalín, co PP á cabeza como grupo de Goberno, solicita das administracións implicadas nas autorizacións dos proxectos eólicos, que aproben unha moratoria eólica “coa que se proceda á paralización inmediata de todos este proxectos” e se elabore “unha nova planificación eólica que atenda aos criterios das Directrices da Paisaxe e que respecte o Plan Eólico que exclúa os espazos protexidos pola Rede Natura ata que dispoñan dos axeitados plans de xestión”, unha nova organización “que estea asentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrada co territorio, o patrimonio natural, cultural e respectuosa coas actividades agrogandeiras e que contribúa á fixación de poboación”.

UNHA APOSTA POLA MOBILIZACIÓN SOCIAL

Pola súa banda, o portavoz nacional de Anova Antón Sánchez valorou onte no programa “Na Encrucillada”, de Radio Xallas a medida tomada polo consistorio lalinense, considerando indispensable a paralización dos proxectos “ata que se faga unha planificación racional e un novo plan eólico adaptado aos tempos que non impacte negativamente no medio ambiente”.

Na entrevista, incidiu na idea de que os recursos naturais “deben revertir no medio rural” e amosouse convencido de que “a mobilización veciñal vai parar a desfeita ambiental, paisaxística e económica dos actuais proxectos eólicos”.

DEJA UNA RESPUESTA