A parlamentaria socialista Concepción Burgo amosou hoxe a súa “sorpresa” pola negativa do PP a romper o monopolio que mantén Telefónica – Movistar na conexión de internet no Concello de Baralla –Lugo-. Burgo presentou unha proposición non de Lei que foi rexeitada polo PP, que considerou “electoralista” a defensa da deputada do dereito legal dos veciños e veciñas do concello a cambiar de operadora de telecomunicacións.

A parlamentaria luguesa acusou ao PP e ao goberno galego de “defender os beneficios da empresa” coa que, lembrou, o goberno galego mantén campañas de publicidade sobre o achegamento de internet ao rural. Puntualizou que “estamos para defender os dereitos dos cidadáns” e sinalou neste sentido a “diferenza abismal” entre os socialistas e o interese do PP de salvagardar os intereses empresariais a toda costa.

A responsable socialista acusou ao PP de “negarse a obrigar a Telefónica – Movistar a que cumpra coa Lei e garanta os dereitos dos veciños de Baralla só quedan satisfeitos coa ampliación das liñas telefónicas que lles dean acceso a Internet e teléfono por cable” a pesares das subvencións que veñen de concederlle a esta empresa. Explicou que a operadora está obrigada pola Lei 9/14 Xeral de Comunicacións e pola Orde 1973/16.

Monopolio

A falla de conexións para este caso concreto, dixo, a empresa “actúa como un monopolio” ao dispor de tódalas liñas, obrigando aos veciños usuarios a “contratar tódolos servizos que a empresa queira” penalizando a empresas e particulares para os que a única alternativa é optar por unha conexión por satélite “con menos datos e unha conexión de baixa calidade”.

Burgo lembrou que esta Lei Xeral de Telecomunicacións garante o dereito dos usuarios a dispor de conexión coa rede pública de telecomunicacións por internet en solo urbano, algo que está a incumprir a empresa coa conivencia do PP e o goberno galego. Lembrou que a Asociación para a Modernización Tecnolóxica de Galicia –Amtega-, que debera velar por este tipo de situacións, deixou 12 millóns de euros do seu orzamento sen gastar en 2018.