O grupo de goberno rexeitou unha Proposición non de Lei presentada dende o Grupo Común da Esquerda ante a ameaza que este tipo de negocios supoñen para a sociedade.
Carmen Santos expresou esta mañá na Comisión 1ª, de Institucional, Administración Xeral, Xustiza e Interior, a súa preocupación pola crecente proliferación de locais de casas de apostas en Galicia. “Tiñamos 136 casas de apostas en Galicia en xaneiro, e agora mesmo estamos xa nas 159. A isto hai que sumar as 3171 máquinas situadas en locais de hostelería. O regulamento do ano 2012 da Xunta fixaba o máximo en 2000 máquinas nos locais; en 2017 aumentouno a 3600 máquinas, cifra que xa estamos a piques de acadar”, denunciou a deputada do Grupo Común da Esquerda.
Na súa intervención, Santos abordou a problemática da ludopatía en Galicia, “especialmente entre a mocidade”, e lembrou que é responsabilidade das administracións tomar medidas como “regular o acceso aos establecementos e o uso das máquinas” e investir en “prevención” e en “abordar o problema do xogo no sistema educativo”.
Santos referiuse tamén á iniciativa presentada en 2018 polo Partido Popular de creación dunha nova Lei do Xogo, e lembrou que expertos coma o profesor Antonio Rial Boubeta (Psicoloxía USC) teñen apuntado a que esta lei chegaba moi tarde, cando xa se estaban a “recoller cadáveres polas cunetas”. Referiuse tamén a declaracións do profesor nos medios de comunicación nas que cualificaba as apostas como un “negocio voraz” que xa representaba “o 2% do PIB español”.
A deputada lembrou que as casas de apostas e o xogo ‘online’ están a “causar un gran dano, especialmente entre a mocidade e as persoas que se viron máis afectadas pola crise económica”. No respectivo á adicción ao xogo entre a xuventude, demandou á Xunta que non permita “a apertura deste tipo de locais preto de espazos infantís e xuvenís, coma colexios e institutos ou mesmo parques infantís, como ocorreu en Vigo, en Navia, causando as protestas das asociacións veciñais do barrio”.
Finalmente, Carmen Santos criticou que a Lei de Xogo de Galicia confíe en que as propias empresas do xogo exerzan un “autocontrol” sobre a súa actividade e contribúan á prevención contra a ludopatía. “Cando hai tanto capital investido e posibilidade de gañar tantos cartos, é unha utopía pensar que as empresas se poden autorregular”, sentenciou.