A Rede Galega por un Rural Vivo considera que a entidade «debería solicitar a paralización» de novos proxectos pois como «representantes públicos terían que sair na defensa da xente e non da protección do oligopolio eléctrico».

O Partido Popular de Laxe rexeitou o pasado marzo unha proposta conxunta de PSdeG e BNG para opoñerse a instalación de parques eólicos na súa franxa costeira. José Luís Pérez Añón, actual presidente do Parque do Megalitismo da Costa da Morte, é xefe da formación política e exerce tamén de alcalde na localidade.
Na moción solicitábase o rexeitamento da instalación de parques eólicos na contorna da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba por parte do Concello de Laxe, reclamando a aposta do consistorio pola defensa da integridade paisaxística desta excepcional área costeira e a solicitude aos técnicos municipais da elaboración de informes nesme mesmo senso dentro do trámite de consultas previo ao estudo de impacto ambiental como Administración pública directamente afectada.
A proposta advertía que a instalación de parques eólicos por parte de EDP Renovables na área suporía un «dano irreparable» nun contexto no que se están a dar numerosas vulneracións cunha «afección paisaxística severa» a carón da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte, así como unha notable «afección aos recursos hídricos» e á propia Rede Natura en diferentes áreas de interese ambiental, así como a especies en perigo de extinción catalogadas como a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) e á subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher).
MÁXIMO REXEITAMENTO SOCIAL AOS PARQUES EÓLICOS QUE AMEAZAN O FUTURO DOS CONCELLOS DA COSTA DA MORTE
A postura do actual presidente do Parque do Megalitismo e da propia entidade non só resulta indignante para moita da veciñanza de Laxe que depende directamente da actividade turística senón que ata a propia Rede Galega por un Rural Vivo ven de implicarse na denuncia do que está a acontecer na Costa da Morte, xa directamente afectada por proxectos coma o da repotenciación do parque eólico de Corme (EDP Renovables) ou a instalación do parque eólico As Salgueiras (Norvento), ambos en Ponteceso.

O colectivo, integrado por un conxunto de entidades e plataformas de máis de dezaséis concellos en loita contra a implantación descontrolada de parques eólicos no territorio galego considera que o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, como ente que supostamente ten como obxectivo a defensa do patrimonio, «debería solicitar a paralización»de novos proxectos dado que como representantes públicos que son de distintos concellos «terían que sair na defensa da xente e non da protección do oligopolio eléctrico» considerando que a implantación de parques eólicos coma o Monte Chan, Pena dos Mouros e Soesto supoñen atentar contra o propio futuro da bisbarra.
Para a Rede é necesario que os encargados de manter o patrimonio material e inmaterial «actúen no camiño das postas en valor» sendo a realidade, por desgraza que «na Costa da Morte o abandono é a nota dominante», incluíndo as actuacións do propio Parque do Megalitismo e os seus responsables e afíns.

O grupo denuncia o espolio que está a vivir o rural galego a nivel patrimonial e ambiental e que este pase a converterse «nun parque industrial, sen ter en conta as graves consecuencias para a súa supervivencia, condenándoo a un futuro moi incerto e a unha aceleración do despoboamento».