O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, acusou á Consellería de Sanidade do Goberno de Alberto Núñez Feijóo de ter provocado “o peor verán de xestión sanitaria que se lembra” logo de “converter o caos en desastre”. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para repoñer os cadros de persoal e garantir as condicións laborais, que foi rexeitada polo PP na Comisión de Sanidade celebrada esta semana no Parlamento.

O responsable socialista responsabilizou ao goberno galego de ter provocado a terceira peor ratio de médicos por paciente do Estado, sinaladamente despois de ter renunciado a solicitar ata 150 prazas de medicina familiar ao facer caso omiso das xubilacións de profesionais que, ironizou, “eran imposibles de prever”.

A situación, dixo, provoca a saturación do servizo e pon aos profesionais da sanidade pública ao límite nun momento crítico, véndose superados por máis de 100 pacientes nunha mesma quenda e disparando polo tanto as listas de espera de Atención Primaria que “nunca ocorreran como agora”. A cobertura dos PACs, sinala, é “escandalosa” con menos profesionais dos que lles corresponden de maneira sistemática pola negativa do Sergas a contratar substitucións.

É o caso de Baltar ou Portonovo, ou a situación estrema de O Grove, con 6 prazas pero con días cun só profesional en pleno verán nunha zona que tamén é destino de vacacións. Mentres, lembrou que hai profesionais que acumulan 250 contratos en 3 anos, que levan 10 anos cubrindo o mesmo posto con contratos periódicos, ou cubrindo baixas dun ano con contratos dun mes.

Recoñeceulle tamén en ton sarcástico o mérito da Consellería de “conseguir o consenso en contra”, para reclamar a continuación que “esta deriva pare xa” e que rematen cun modelo que se ten demostrado “fracasado”. Acusou ao goberno galego de actuar de forma “tramposa e mentirosa” ao asinar un documento para a mellora da atención sanitaria que despois incumpren “agás para cambiar as impresoras”.

DEJA UNA RESPUESTA