A portavoz de Industria do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, censurou esta semana o “desinterese” amosado pola Xunta de Galicia diante do proceso de deslocalización de traballadores iniciado por R Cable dende a súa adquisición por Euskaltel. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral na Comisión de Industria de hoxe na que respaldou as mobilizacións dos traballadores afectados por este proceso.

A parlamentaria Begoña Rodríguez Rumbo / PSdeG

A responsable socialista sinalou que a externalización de servizos de R Cable, sinaladamente cara a Asturias e Euskadi, así como a contratación do servizo de mantemento á china ZTE, pon en risco en torno a 1.200 postos de traballo directos e indirectos da área de A Coruña. Advertiu que este proceso afecta aos 500 traballadores da área de mantemento, xa deslocalizados, e de forma inminente a outros 500 de atención ao cliente.

Advertiu que a resposta do goberno galego, que anuncia a súa “preocupación” polo proceso, resulta “politicamente correcta”, pero ademais de ser “insuficiente”, é desmentida pola realidade, que “non deixa entrever que estean solventando a situación”. Esixiu “outras actuacións” por parte do Executivo autonómico “máis alá do seu compromiso por compartir a preocupación”.

Rodríguez Rumbo reclamou en van que o Executivo autonómico explicara “cales son os medios postos a disposición dos traballadores e de cara á mediación coa empresa para que esta situación non se siga producindo”.

DEJA UNA RESPUESTA