O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, ven de denunciar este agosto na localidade pontevedresa de Ribadumia o “inmobilismo” do goberno galego, que está a poñer en serio perigo a atención sanitaria no verán. Torrado desprazouse ata a localidade, onde participou na concentración convocada diante do Centro de Saúde para protestar pola a falla de persoal, que obriga a derivar á cidadanía ás instalacións de concellos veciños.

Concentración a prol da sanidade pública en Ribadumia / PSdeG

O responsable socialista denunciou que o goberno galego estea incumprindo tódolos seus anuncios logo de 9 meses de folga dos traballadores e traballadoras da sanidade galega, nos que “non aceptou ningún compromiso real, mantendo á sanidade pública sen persoal, e o pouco que hai ten que soportar condicións precarias”.

Torrado afeoulle ao conselleiro de Sanidade que estea “desaparecido da xestión das súas obrigas” e que “un ano despois da traxedia no PAC de A Estrada”, onde faleceu un paciente ás portas por falla de persoal sanitario a situación “está a día de hoxe nas mesmas condicións que provocaron o fatal desenlace, que pode repetirse en calquera momento”.

O responsable socialista participou na protesta cidadá polo abandono do Centro de Saúde de Ribadumia, onde a “xestión desastrosa” da Consellería de Sanidade está a provocar que “a cidadanía pague en primeira persoa a falla de planificación e de interese por garantir unha atención sanitaria acaída”.

Sinalou que “como exemplo, hoxe mesmo non había ningún médico no Centro de Saúde cando comezamos coa concentración, xa que 1 dos 2 médicos de familia estaba de vacacións, e o outro tivo que saír facer unha consulta, e ao único pediatra tocáballe atender en O Grove”. Esta falla de persoal, dixo, é “unha constante” nos centros de saúde de toda Galicia, “como vimos de comprobar tamén en Vilagarcía, que quedou sen 2 dos 3 médicos que lle corresponden”.

CONVOCATORIA MIR

O responsable socialista contrastou o “inmobilismo” e “falla de compromiso” do goberno galego coa xestión do Ministerio de Sanidade, que veu de convocar o maior MIR da historia, cun total de 7.512 prazas de médicos, das que 457 son para Galicia, un 13,1 por cento máis.

Sen embargo, Galicia padece o déficit de xestión dun goberno galego que en 10 anos deixou de pedir un total de 150 prazas MIR de medicina familiar, “150 traballadores da sanidade que a día de hoxe non están formados única e exclusivamente polo desleixo e a mala xestión do goberno galego”.

DEJA UNA RESPUESTA