A Secretaría Xeral de Medios destina unha partida de 2,5 millóns de euros en publicidade institucional para promocionar «o bo camiño» da «Galicia» do PP por terra, mar e aire con diversos lemas, xerando unanimidade na aversión dende o máis profundo da terra. Mentras iso sucede, os datos non deixan lugar a dúbida, pois no bienio 2016-2018, a Xunta deixou sen executar máis de 300 millóns de euros para dinamizar económicamente e fixar poboación no rural.

«O rural é moito» forma parte desa campaña que indigna á Galiza desatendida e esquecida, a Galiza saqueada. Mentres «o rural é moito», a Consellería de Economía e Industria ven de anunciar no DOG a concesión da licenza de explotación por 30 anos a Erimsa entre os Concellos de Mesía e Frades, un proxecto que afectará a 26 granxas ao permitir un proxecto megamineiro a ceo aberto de máis de 200 hectáreas. E todo a pesares dos informes negativos que sinararon que do grave impacto do proxecto sobre a produción gandeira da zona.
«O rural é moito» mentres ducias de familia temen pola súa supervivencia en Paradela, onde un alcalde do PP que supera xa os 40 anos no cargo, José Manuel Mato, colaborou activamente para a implantación de dous parques eólicos de Enel Green Power España, filial da multinacional enerxética Endesa, sen ter en conta que a cercanía de moitos aeroxeradores e dos tendidos eléctricos de evacuación dos parques eólicos Paradela e Serra das Penas ás vivendas e poboacións, provocando de igual xeito unha demencial afectación sobre a paisaxe do Camiño de Santiago e a Ribeira Sacra, Patrimonio da Humanidade.
«O rural é moito» nalgunhas das mellores paraxes da Costa da Morte, en Cabana de Bergantiños e Laxe, onde dous parques eólicos de Naturgy, o de Mouriños e o Pena Forcada Catasol II, xa se convertiron nunha ameaza para as aves en dúas das zonas máis destacadas de toda a Península Ibérica mentres amenazan e ameazarán sen dúbida ao desenvolvemento do turismo sostible na bisbarra. «O rural é moito» tamén en Coristanco, Carballo e Santa Comba cos proxectos eólicos Campelo, Bustelo e Monte Toural. «O rural é moito» na comarca de Ordes, ameazada polos eólicos, ao igual que na Serra do Oribio, en plena Rede Natura 2000, ou na Serra do Galiñeiro unha montaña case sagrada para a veciñanza de Vigo.
«O rural é moito» no Monte Neme, onde a desfeita ambiental provocada por un século de actividade mineira permanece inalterada. «O rural é moito» en Touro, onde a minería do cobre contaminou sen remedio o medio ambiente e actualmente supón unha ameaza para a saúde pública. «O rural é moito» en Valdeorras, onde as louseiras devastaron quilómetros e quilómetros dalgúns dos mellores ríos de Galiza, e o Goberno Feijóo nin está nin se lle espera.
«O rural é moito» mentres a Xunta deixou sen executar no bienio 2016-2018 dúas partidas por valor de 29 e 276 millóns de euros, para incentivar o asentamento de poboación no rural e dinamizar económicamente á Galiza valeirada.
«O rural é moito» mentres a nosa terra esmorece, vilipendiada e esquecida, como espazo colonial do século XXI, confundida nunha onda de propaganda sen fin.