A viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, denuncia que o Goberno galego transvasou 700.000 € do Plan de financiamento do sistema universitario galego, destinados a I+D+i, para sufragar a construción dun novo edificio na Cidade da Cultura.

“É escandaloso que os recursos públicos en investigación vaian para cemento e para seguir aumentado o número de edificacións nunha Cidade da Cultura que segue a ser un pozo sen fondo porque vampiriza recursos públicos a esgalla sen apenas beneficio para o país”, denunciou a deputada portavoz parlamentaria de Cultura.

Ademais, lembra Rodil, a construción dunha nova edificación “supón o incumprimento do acordo parlamentario que en marzo de 2013 paralizou de maneira definitiva as obras da Cidade da Cultura”, acordo que o PP “se salta con total menosprezo as decisións da Cámara galega”. Neste caso, co agravante de que implica un novo recortazo nunha das partidas máis importantes do Plan de financiamento do SUG, “que vén soportando importantes recortes nos últimos anos”, sinalou.

“De novo, a Xunta de Feixóo aposta polo cemento en lugar de pola investigación e polo desenvolvemento, que son claves para un crecemento económico competitivo que se traduza en emprego de calidade”, argumentou.

A deputada nacionalista lembrou que no último pleno instou á Consellaría de Educación e Cultura a procurar alternativas máis económicas, -que o xa bautizado como Edificio Fontán-, para acoller os organismos universitarios que prevé instalar na Cidade da Cultura. Unha obra na que o Goberno galego, sinalou Rodil, “leva gastados máis de 300 millóns de euros públicos”.

 

Deja un comentario