As entidades que loitan contra a pobreza xa hai tempo que sinalan á vivenda como o principal factor de exclusión social ou un dos máis importantes.

O parque público de vivenda de alugueiro social é fundamental para dar solución a moitas persoas que a demandan porque non pode asumir os prezos do mercado libre / Imaxe: contrainformacion.es

A avalancha de desafiuzamentos provocada pola crise do 2008 nunca cesou,mudando as expulsións por impago de hipoteca polas derivadas do impago do alugueiro.

As políticas dende o goberno español, o galego provocaron que a partir de 2015 subisen contínuamente os alugueiros, nomeadamente nas cidades, afectando a miles de persoas por varias vías.

A máis dramática, os desafiuzamentos, que afectan aos colectivos máis desfavorecidos destacando unidades familiares compostas por nai e fillas/fillos, moitas das cales concatenan desafiuzamentos.

Máis a suba destes prezos tamén implica un ataque ás clases traballadoras que teñen que reducir gastos en calefaccion, alimentación, cultura etc, e un ataque a unha mocidade con traballos moitas veces precarios e que ve como é imposible emanciparse.

O anteproxecto de lei polo dereito á vivenda foi anunciado como unha resposta a esta grave situación e foi calificado por portavoces do goberno como “histórico”.

Unha vez feito público hai que dicir que é un texto que non da solucións á altura do problema e quéda moi lonxe de leis autonómicas, como por exemplo a catalana, que paradóxicamente está recurrida polo goberno español no Constitucional, en teoría por invasión de competencias, pero visto este texto fácilmente pode deducirse que o que molestaba era o alcance da lei e a súa afectación aos medianos e grandes propietarios.

Incluso en Galiza cunha das leis menos avanzadas do Estado, porque Feijoo nunca quixo afrontar este grave problema social, de aprobarse sin cambios na tramitación parlamentaria terá moi pouca trascendencia.

No eixo das actuación ante os despexos (algo que debera ser a última opción) a lei amplía o periodo de suspensión para persoas vulnerables para procurar unha alternativa habitacional ata 4 meses pero non obriga ás administracións a atopala, co que transcurrido ese prazo reanúdase o procedemento.

Ésto é fundamental en Galiza onde o abandono da política de vivenda de Feijoo fai que de haber alternativa, a que se lle ofrece á xente está moitas veces a kilómetros da súa cidade.

No eixo da mobilización da vivenda baleira implementase unha medida prevista xa en 2004 na lei de facendas locais, e incumplida todos estes anos por falta de vontade dos sucesivos gobernos de regulamentar a definición de vivenda baleira para poder aplicar un recargo ao IBI de ata un 150%.

A medida sin embargo queda supeditada á vontade dos concellos para a súa aplicación.

De expropiación de vivendas baleiras a bancos, fondos voitre e grandes posuidores, que si se contempla nalgunhas normativas autonómicas, como Baleares que iniciou a expropiación de 56 vivendas recentemente,nin falar.

En canto á regulación dos alugueiros dicir que si as condicións que definen unha “zona tensionada” non se mudan en Galiza non se aplicará nada das medidas que propón a lei porque non habería, con estas condicións, ningunha cidade ou zona en Galiza considerada tensionada a pesar de que nos últimos cinco anos nas súas principais cidades os prezos dos alugueiros subiron de media máis dun 20%.

Fora das zonas tensionadas ningunha medida de regulación dos prezos.

E si houbera algunha as medidas de regulación dos prezos aplicaríanse como mínimo aos 18 meses despois de entrar en vigor a lei.

Non é unha cuestión menor ésta porque o grave problema da vivenda require de medidas urxentes.

A última das liñas importantes da lei,a promoción da vivenda pública, si ben propón a reserva do 30% de solo rural que se vaia a urbanizar para vivenda protexida e que a metade sexa para vivenda en alugueiro, tamén engade excepcións ao albur do que decidan os concellos, coas consecuencias que aquí coñecemos dende que o PP en 2012 engadiu a excepcionalidade potestativa dos concellos de rebaixar ese 30% e axustar esa porcentaxe á demanda oficial de vivenda de protección.

Permítese tamén a reserva do 10% do solo urbanizado en grandes reformas para vivenda de protección, con compensacións aos promotores pero unha vez máis abren a porta a que os concellos excepcionen esta obriga.

O parque público de vivenda de alugueiro social é fundamental para dar solución a moitas persoas que a demandan porque non pode asumir os prezos do mercado libre (12.000 en Galiza, so no Rexistro Oficial) pero tamén, na miña opinión, á larga o máis eficaz instrumento de regulación dos prezos, e neste texto queda evidentemente curto para avanzar significativamente.

É máis, na presentación dos Orzamentos para o 2022, o goberno español prevé 22.000 vivendas públicas de alugueiro ata 2026 en todo o Estado (a cargo dos seus orzamentos), o que é algo pero moi insuficiente.

Resumindo:

En Galiza esta lei suporía cero medidas de regulación de prezos, pouco cambio na reserva de solo para vivenda protexida, aplicación de recargos no IBI a vivendas baleiras a propietarios con máis de 4 vivendas só si o Concello así o decide e apenas un incremento do periodo de suspensión dos lanzamentos.

Un pobre balance nun país onde sufrimos as políticas dun PP que xoga a favor da especulación.

En definitiva, non se xustifican os anuncios excesivamente triunfalistas dos días anteriores, que inflaron unhas expectativas que non se cumplen visto o texto.

Queda o trámite parlamentario no que esperemos se mellore o texto ata, polo menos achegarse ás leis autonómicas máis avanzadas.

Perdonade o rollo.

Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista e foi deputado no Parlamento galego nas IX e X Lexislaturas.