Estes días bátense récords históricos do prezo da luz mentras Xunta e goberno español, bótannos enriba unha avalancha infame de eólicos.

Lembro que nos anos 2012 en adiante, cando se paralizou a instalación de enerxías renovables en Galiza e en menor medida no Estado, moita xente organizárase para demandar un novo modelo enerxético alternativo.
Un dos eíxos era, como non, a loita contra o cambio climático , pero outro e non menos importante era o que se chamaba xa naqueles anos a “democratzación da enerxía” e polo tanto, o combate contra o oligopolio eléctrico.
A proposta era clara coma a auga.
Tanto a nivel de cambio climático e crise enerxética, como a nivel de democratización, é dicir, a consecución do obxetivo de que o “pobo” fose dono do sector enerxético, as renovables reunían unhas características inmellorables para unha producción distribuída en mans de moita xente e perto dos lugares de consumo (reducindo así as grandes perdas enerxéticas que provoca o transporte eléctrico a grandes distancias e a afección enorme que teñen as infraestructuras de distribución).
O oligopolio poseía o poder e o control do sector eléctrico, por determinadas decisións políticas,que o fixeron dono de nucleares, térmicas e gasísticas, instalacións que non están ao alcance da cidadanía do común.As características das renovables sí facilitaban moito a propiedade cooperativa e a pequena propiedade, e mesmo o autoconsumo, e así desligarse da dependencia do oligopolio.
A solución política non era difícil. Había incluso unha Directiva europea 2009/72/CE que expresaba os obxetivos antes relacionados e que que respaldaba as demandas cidadáns para a democratización da enerxía.
Había, pois, que aprobar normativas a nivel estatal e autonómico que o facilitasen e poñer a disposición da xente liñas de financiamento.
Incluso era posible só con normativa autonómica, e así dende o ano 2014 con AGE, o reclamamos persistentemente dende 2014.
No momento que en Galiza estaba paralizado o sector , porque as grandes empresas tiñan problemas financeiros ou non consideraban daquela suficientemente atractivas os beneficios dos eólicos, era perfectamente factible e desexable apostar polas instalacións de autoconsumo, por fomentar pequenas instalacións con base cooperativa ou pequena empresa local radicada no rural que funcionasen en base ao balance neto, instalacións enerxéticas municipais e establecer nalgún caso participación pública autonómica.
Paralelamente había que implementar unha normativa ambiental (ampliar a Rede Natura, aprobar os plans de conservación e recuperación de especies, etc), patrimonial e pasaxística que protexese eses valores ante calqueira desenvolvemento.
Nada deso se fixo e foi por decisións puramente políticas dos Gobernos, galego e español.
Así de claro e así seguimos.
Moitas bágoas de crocodilo teñen derramado Feijoo ou Reyes Maroto polo malas que eran Naturgy ou Endesa por deixar aos traballadores das térmicas na rúa (ante a falla de plans de transición dun e doutra que garantise non deixalos na rúa, claro) pero hoxe en día están a beneficiar a ambas con tramitacións fraudulentas para regalarlles o territorio para que se forren co negocio eólico, sin ter en conta o medio ambiente, a paisaxe nin o retorno social, só o pelotazo eólico.
Tiñan na súa man establecer outras normativas que lles sacasen o monopolio da explotación do vento pero todo o que fixeron e fan o fixeron e fan a favor delas.
Agora que pagamos unhas facturas da luz que lles entregan indecentes dividendos a estas empresas, poñen a disposición delas toda a maquinaria administrativa e lexislativa de institucións que deberan velar pola cidadanía, para beneficialas e entorpecer e evitar na medida do posible a participación cidadán.
No sector eólico xa coñecíamos a política do PP de Feijoo, a corrupción e o saqueo.
Agora coñecemos a do goberno español e as dúas parécense ,ata o de agora, como dúas pingas de auga.
Ambas entregan o negocio eólico ao mesmo conglomerado de eléctricas, bancos, constructoras e fondos voitre.
As estadísticas din que o eólico galego está controlado moi maioritariamente por bancos, elécticas, constructoras e fondos de investimento estranxeiros.Si sae adiante esta avalancha fomentada polo goberno galego e polo español, a concentración do vento será maior que nunca.
A desfeita no territorio tamén.
Que non nos veñan agora con falsos discursos contra as eléctricas e ameazas de expedientes que fan rir a estas empresas porque non lles afectan en absoluto.Todo mentira.
Esta nas súas mans solucionalo, pero non queren, traballan para elas.
Nestas circunstancias, nas que goberno español, Xunta de Galicia e o gran poder económico están aliados para ocupar o territorio e facer negocio co vento, a loita social que estamos a ver en Galiza é verdadeiramente heroica.
A loita das plataformas que agroman no país contra estes megaparques é a loita contra unha implantación desordenada que afectará ao territorio e á vida da xente no rural pero tamén é a loita para ter verdadeira soberanía enerxética e non nos sigan estafando.
–
Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova-Irmandade Nacionalista e foi deputado nas dúas últimas lexislaturas do Parlamento Galego.