Á febre eólica fomentada pola Xunta de Galicia sumáronse nos últimos tempos megaparques tramitados polo goberno español que intensifican máis a política do espolio que estamos a sufrir en Galiza.

Galiza está a vivir a maior avalancha de parques eólicos da súa historia / Creative Commons

Este feito está a ter resposta na sociedade civil onde se teñen creado organizacións e plataformas de defensa do territorio ante o abandono dos gobernos da defensa do interese xeral.

Non é difícil ver estes días debates sobre si renovables sí ou renovables non.

Máis eu digo que ése non é o debate. Ata Endesa ou Iberdrola o teñen claro.

O gran debate é o como se desenvolve unha verdadeira transición enerxética.

Como se está a facer por parte da Xunta de Galicia e o goberno español?

A maior avalancha da historia de eólicos de Galiza, que podería incrementar en 4 anos un 200% da xa instalada, nun país que xa é con diferencia o máis densamente ocupado con aeroxeradores, estase a producir cun Plan Sectorial Eólico de 1997, totalmente desfasado e obsoleto.

Só por poñer un exemplo, a distancia mínima ás vivendas que se fixa nese plan son 500 mts, cando os aeroxeradores tiñan uns 50 mts de altura. Hoxe chegan aos 150-200 mts e a distancia ás vivendas mantense en 500, coa ameaza que iso supón para a xente do rural que os teña que sufrir.

Para o Plan eólico do 97 todo o solo rústico de Galiza agás a superficie Rede Natura é susceptible actualmente de contar cun parque eólico ou estar nas súas inmediacións.

Unha superficie de Rede Natura moi por debaixo da media do Estado e europea, e cunha demanda de ampliación por parte da UE, dende hai máis de 10 anos.

A maior avalancha de eólicos da historia dáse con dita ampliación de Rede Natura metida nun caixón mentres se sitúan aeroxeradores nos bordes de Rede Natura e nas posibles zonas de ampliación, hipotecando unha futura ampliación á maior gloria das grandes empresas que controlan o sector.

A ésto hai que sumarlle unha lexislación recentemente desenvolta á medida das eléctricas que reducen os prazos de tramitación e o tempo que ten a xente para informarse, e que rebaixa as garantías de conservación ambiental, paisaxística e patrimonial.

Habería que preguntarse o porqué desta precipitación podendo facer as cousas ben. A resposta? O negocio dunha elite.

Asemade o control dos parques que se están a instalar corresponde a empresas que son conglomerados de eléctricas, fondos de investimento, ou construtoras, maioritariamente de capital estranxeiro, que obterán enormes beneficios, crearán pouco emprego e deixarán en forma de impostos e arrendamentos unha pequenísima parte do pastel que se empeña en regalarlles a Xunta de Galicia.

Moi resumidamente éste é o contexto no que se da a invasión eólica. Grandes impactos, control en poucas mans, xeración de pouco emprego e pouquísima economía local.

A ALTERNATIVA: A DEMOCRATIZACIÓN DA ENERXÍA.

En primeiro lugar esa alternativa ten que ser democrática e trasparente froito dun debate político e social coas cartas enriba da mesa.

Temos que definir un modelo de transición cara un país menos dependente enerxeticamente, menos contaminante, e que reduza as emisións de gases de efecto invernadoiro, onde se concrete a potencia a instalar durante os vindeiros anos ,calculada despois de ter en conta moitos factores, entre os que deben estar políticas de redución de consumo e que desboten o papel de Galiza como exportador de enerxía.

Como sinala a Directiva europea priorizarase a xeración distribuída ,coa produción nas mans de moitos e pequenos e preto do lugar de consumo e fomentarase o autoconsumo.

A transición enerxética debe de ser ademais de viable ambientalmente, tendo en conta que os recursos minerais do planeta son finitos, unha revolución democratizadora.

Debe servir para pasar dun modelo controlado por un oligopolio a un modelo en mans da xente. Así a alternativa a este modelo deberá lexislar para favorecer a entrada da cidadanía en fórmulas cooperativas de produción e a entrada da participación pública.

Así non so implantaremos renovables senón que tamén se xerarán rendas que beneficiarán sobre todo á xente do rural, tendo en conta que o negocio do vento factura uns 600 millóns de euros anuais, que agora voan para a elite económica, e que pretenden triplicar a potencia instalada en poucos anos, non é cuestión menor.

Nun contexto onde a desigualdade económica é un grave problema, as institucións públicas deben de tomar partido pola xente.

Mentres non haxa un armazón normativo que garanta unha transición verdadeiramente sostible establecerase unha moratoria, período no que se elaborará un no Plan Eólico de Galiza, cos principios antes enunciados, publicarase unha proposta de ampliación de Rede Natura e revisaranse as Directrices da Paisaxe, establecendo zonas de exclusión naqueles lugares que teñen que preservarse.

Debería de aprobarse un mapa de solos con aptitude agronómica para protexer os solos con alta aptitude agronómica ou actividade agrogandeira.

Esta alternativa non só é posible, senón é pola que optaría calquera goberno que mirase polo interese dos galegos e galegas.

É a alternativa democrática, despois de moitos anos de saqueo dos nosos recursos naturais, e é o momento de reivindicala.

Antón Sánchez é portavoz nacional de Anova e foi deputado no Parlamento galego nas IX e X Lexislaturas.

Artigo de opinión publicado orixinalmente en A Nova Peneira

Necesitamos tu ayuda para seguir ofreciendo Contrainformación. No queremos depender de bancos, publicidad o grandes empresas. Si te gusta lo que hacemos, invítanos a desayunar una vez al mes para que podemos seguir ofreciéndote nuestro trabajo
¿Prefieres hacer un ingreso por tu cuenta? Aquí puedes hacerlo: Triodos Bank: IBAN - ES0714910001283000114479    

1 Comentario

  1. ¿porque non aparece agora os datos de Kw/km2 producidos de Alemania, España e Galicia? Ahi vese moi claro o expolio. Coma sempre aqui os primeiros pola cola

DEJA UNA RESPUESTA