Nunha visita á zona afectada polo plan da filial da transnacional portuguesa acompañados de activistas locais contrarios ao proxecto o portavoz nacional da Formación Antón Sánchez e o deputado provincial da Marea Atlántica Alberto Lema comprobaron o impacto ambiental irreversible que causaría a instalación de aeroxeradores nesta área protexida se a Xunta chega a facer efectiva a súa aprobación.

Neste senso, dende Anova indicen en que “o actual plan eólico” desenvolto polo Goberno galego “pasa por riba da vontade dos concellos de Laxe e Vimianzo”, municipios “que rexeitan sen ambaxes” o parque eólico dado que nos seus planeamentos urbanísticos consideran o turismo de calidade como un piar de futuro baseado fundamentalmente na boa conservación das súas paisaxes.
Segundo indica a formación nun comunicado, ademáis, a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba “constitúe un conxunto singular con formacións pétreas recoñecidas pola súa beleza e o seu carácter”, virtudes recoñecidas dende antigo que actualmente converten o lugar nun dos principais activos da Costa da Morte e Galicia.
A CONSERVACIÓN DA PAISAXE, UN ELEMENTO DE REFERENCIA
Para Anova, a paisaxe, así coma os valores culturais, ambientais e científicos dos Penedos de Pasarela e Traba “son piares fundamentais para un futuro sostible da Costa da Morte”, onde o turismo respectuoso co medio “tamén supón unha oportunidade de presente e de futuro se a preservación do territorio é axeitada”.
Segundo sinalan así consta, por exemplo, no PXOM do Concello de Laxe, que aposta por un turismo baseado nos seus valores naturais e culturais, mentres que sen embargo ten que confrontar a política de pixalle fomentada sistemáticamente polo actual Goberno da Xunta, “que pasa por riba das bases urbanísticas do municipio”.
Anova denuncia que sen embargo, para o Partido Popular, as políticas de protección paisaxística, patrimonial ou ambiental “son simplemente obstáculos para o modelo económico que defenden a prol dos grandes conglomerados empresariais pasando por riba dos intereses da poboación”, razón pola que dende o actual Goberno galego “non se toman medidas como a ampliación da Rede Natura solicitada reiteradamente pola Unión Europea” co obxectivo de “non prexudicar o negocio extractivista” co efecto colateral de obviar a protección de paisaxes únicas como a dos Penedos de Pasarela e Traba.
Por estes motivos, Antón Sánchez e Alberto Lema comprometéronse a seguir adiante con iniciativas de defensa do territorio, considerando que a do proxecto eólico Monte Chan “é unha loita decisiva para esa defensa xa que condensa todos os valores que merecen ser defendidos a prol da paisaxe galega, loitando activamente contra as habituais prácticas fraudulentas permitidas e impulsadas dende o Goberno de Alberto Núñez Feijóo”.