Familiares de residentes no centro de maiores San Carlos de Celanova, co apoio do colectivo REDE (Federación Galega de Usuarios e Familias de Residencias), queremos chamar a atención da veciñanza, das autoridades competentes e dos responsábeis sanitarios sobre a situación na que se atopan os nosos maiores confinados na residencia.

Imaxinade que isto pasa nun hospital: un grupo de pacientes de covid19 permanece illado nunha planta atendidos por auxiliares e xerocultoras baixo a supervisión dun enfermeiro a media xornada e sen médico ao cargo.

Sería admisíbel? 

Pois esta é a situación a día de hoxe na Residencia San Carlos de Celanova, na que para garantir a atención sanitaria á que teñen dereito os nosos familiares (equitativa en relación á que se dispensa noutros centros) seguimos reclamando a intervención do centro por parte da Xunta de Galicia.

Neste quinto chamamento á cidadanía e ás institucións que nós representan, interpelamos ao goberno galego e subliñamos

OS 10 ERROS DO SERGAS E POLÍTICA SOCIAL NO BROTE EN CELANOVA

1. Non intervir desde o primeiro momento a Residencia San Carlos en situación de emerxencia sanitaria tal e como indicaba a orde ministerial do 19 de marzo e as ratificacións nos sucesivos decretos do 23 de marzo e do 4 de abril. 

2. Descargar, nos primeiros días da emerxencia, a responsabilidade das actuacións sanitarias precisas na UME, cando nin as instrucións do Exército nin anteriores intervencións da UME indicaban que se fora facer cargo da atención sanitaria. 

3. Deixar un grupo de pacientes afectados polo covid19 na residencia de Celanova incumprindo as recomendacións dos expertos de converter o centro nun espazo ‘limpo’.

4. Non escoitar as demandas das propias traballadoras ás portas do centro o día 23 pedindo reforzar o persoal da residencia, diminuído polas 18 baixas de traballadoras que deron positivo nos test dos días 20 e 21. 

5. Non ter deseñado un sistema de información eficiente no centro intermedio de Baños de Molgas desde o día da apertura do centro, o que supuxo atrasar a comunicación coas familias dos trasladados até unha semana aumentando o sufrimento dos familiares. 

6. Non ter situado a un funcionario ao fronte da Residencia San Carlos no momento en que se coñeceu que a directora debería permanecer de baixa e ao comprobar a incapacidade dos patróns para facerse cargo da situación, incapacidade que subliñou o presidente Feijóo o mesmo día 24 de marzo.

7. Xerar incerteza entre as traballadoras de baixa por un cambio nos protocolos que eliminou a segunda proba para determinar se tiñan superada a enfermidade antes de reincorporarse. De non ser por unha circunstancia afortunada, propiciada por un erro do propio SERGAS na aplicación dos protocolos, teríanse incorporado 8 traballadoras infectadas.

8. Volver incumprir as recomendacións dos expertos, ao ordenar o traslado dun paciente con covid19 desde o CHUO á residencia de Celanova.

9. Xerar incerteza entre as familias e as traballadoras ao negar que se produciu ese traslado, e 48 horas despois, asumir que se fixo, e sen engadir unha explicación dos criterios sanitarios e asistencias que sustentan a decisión. 

10. Seguir insistindo -seis semanas despois de declararse o brote, con 7 pacientes mortes e residentes repartidos en tres centros, cun déficit de asistencia sanitaria na residencia posto en evidencia polos mesmos expertos en xerontoloxía aos que recorreu a Xunta nesta crise- en non intervir na San Carlos e manter un centro con covids e residentes non infectados.