A Federación Galega de Usuarios e Familiares de Residencias e Dependiencia (REDE) considera «indigno» o proceso de comunicación da Xunta de Galicia do número de vítimas e que se están a vulnerar gravemente «os dereitos fundamentais que ampara a Constitución, o dereito á información e o dereito á dignidade».

Nun comunicado, recordan que dende mediados da semana pasada, o Goberno galego decidiu cambiar o sistema de reconto das persoas falecidas pola Covid-19, e agora é a Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), a que se ten apropiado «en exclusiva» do reconto de vítimas, non aparecendo desglosado nese número as pertencentes ao ámbito da Consellería de Política Social, de tal xeito que agora o SERGAS «non informa das persoas falecidas por residencias, senón que da unha cifra xeralista».

Esta situación -denuncia o colectivo-, fai que tanto familiares como a cidadanía en xeral non poidan acceder a cales son as cifras reales de falecementos nas residencias. Neste senso -denuncian-, Política Social e Sanidade veñen de anunciar hoxe, por exemplo, «que as residencias de Barreiro-Vigo e Aldán Cangas manteñen as mesmas cifras cando eso non é certo, porque se están a omitir o falacemento de dúas persoas, un home na residencia e unha muller no Hospital Álvaro Cunqueiro».

Dende a entidade maniféstase que «estamos a asistir a unha manipulación groseira, a unha maquillaxe indigna, indigna para a calidade da democracia e indigna para a transparencia pública» ao «traficar con cifras de mortos», o que xa consideran coma «o colmo neste proceso dexenerativo» e «outro dolor macabro que engadir na mochila dos familiares», que en definitiva «son as primeiras vítimas de esta traxedia humanitaria». Por iso consideran non sentirse representados, «nin polos administradores da Xunta nen pola autoridade sanitaria».

Para REDE, «estanse a vulnerar de novo dereitos fundamentais recollidos na Constitución ao igual que o está a facer a multinacional Domus VI e os dereitos fundamentais que ampara tamén o Estado de Alarma» como son «o dereito fundamental á información e o dereito fundamental á dignidade».