Diferentes persoas e entidades do ámbito social e ecoloxista de toda Galicia veñen de organizarse no colectivo “Arzúa Sostible” en oposición ao proxecto de reapertura da explotación de cobre “polo seu impacto negativo sobre a saúde pública e o medio ambiente”.
O obxectivo do grupo é concienciar á sociedade e facilitar o asesoramento e a presentación de documentación administrativa ante o hipoténico desenvolvemento dun novo plan extractivo por parte de Cobre San Rafael e Atalaya Mining/Explotaciones Gallegas, brindando ademáis toda a información á poboación interesada na problemática que o eido mineiro está a xerar a nivel territorial.
UN PROXECTO MINEIRO SEN LICENZA SOCIAL
O colectivo recorda que “aínda que as empresas se esforcen en mercar a vontade popular o proxecto da mina de Touro tivo, ten e terá unha completa falta de licenza social” e que “a pandemia non pode ser e excusa para pretender impoñer unha explotación que comportará un serio impacto negativo sobre a saúde pública e a conservación ambiental da comarca de Arzúa”.
Neste senso, a entidade considera unha “mera compra a golpe de talonario” a propaganda de Cobre San Rafael do seu suposto programa “TERRAS da xente”, que pretende mercar o apoio de entidades locais da bisbarra á súa pretendida explotación mediante 25.000 euros, o que non deixa de ser pura “calderilla” en comparación co seu volume de negocio en Andalucía.
Para o grupo “chama a atención” que mentres Cobre San Rafael S.L. vende a proposta como un fito de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) de “Transparencia, ética e responsabilidade real ambiental e social” as dúas empresas matrices que integran a mercantil, Atalaya Mining como Explotaciones Gallegas acumulan tanto queixas veciñais como expedientes sancionadores polas moitas irregularidades cometidas tanto en Andalucía como en Galicia.
Así, a “Responsabilidade Social Corporativa” de Atalaya Mining “é tal en Riotinto” que “a súa expansión do negocio mineiro e as súas voaduras con explosivos ademáis de nubes de po están a provocar fendas en muros, teitos e paredes nas casas da veciñanza do barrio do Alto de la Mesa“, que veñen de organizarse nunha plataforma veciñal para reclamar os seus dereitos fronte aos abusos dunha compañía tan “socialmente responsable” que “ademáis rexeita facerse cargo dos danos”.
Para o colectivo, o “respecto” da multinacional pasa tamén por un sistema de balsas mineiras considerado como o máis perigoso de Europa e unha política da empresa que acumula expedientes sancionadores, escándalos internos, altos niveis de sinistralidade laboral e numerosos incumprimentos en materia ambiental, que incluso derivaron en actuacións de oficio por parte da Fiscalía.
Pola súa banda, recordan que Explotaciones Gallegas, propietaria da mina de Touro recibiu nos últimos anos máis de 80.000 euros en multas polas súas verteduras e irregularidades cometidas en relación co dominio público hidráulico.
Para a asociación “esa é a realidade, e non outra, das empresas que pretenden desenvolver o proxecto de reapertura da mina de Touro, que se definen claramente polos seus feitos“.